O Rosal amosa ao xurado do Vilas en Flor un modelo de sostibilidade

Redacción

Visitou o Concello para coñecer as iniciativas de educación ambiental postas en marcha polo Concello que implican á veciñanza no coidado do territorio

Consumir menos enerxía, reducir emisións, recuperar espazos para as persoas e conseguir que o coidado da contorna forme parte do día a día da veciñanza. Ese é o camiño cara á sostibilidade que O Rosal amosou na nova visita do xurado de Vilas en Flor, que regresou ao municipio para coñecer sobre o terreo os avances realizados polo Concello durante o último ano e valorar a evolución das políticas ambientais municipais.

Nesta ocasión, a visita puxo o foco na transformación progresiva das instalacións municipais e dos espazos públicos con criterios de eficiencia enerxética, redución do consumo, mellora do confort e respecto pola contorna, acompañada dunha programación estable de sensibilización e educación ambiental.

Os resultados deste traballo quedan reflectidos no Segundo Informe de Seguimento do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Rosal presentado no pleno municipal, que recolle como o Concello reduciu un 42,7% o consumo enerxético das instalacións públicas e case á metade, un 48,3%, as súas emisións de CO₂ nos últimos dez anos. “Estes datos demostran que o camiño que iniciamos está dando resultados e que actuar sobre os edificios, o alumeado ou os sistemas de climatización permítenos reducir o impacto ambiental, empregar mellor os recursos públicos e mellorar os servizos que recibe a veciñanza”, destacou durante a visita a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Entre as medidas que contribuíron a esta evolución está a renovación do alumeado público con tecnoloxía LED e a progresiva substitución das antigas caldeiras das instalacións municipais por sistemas máis eficientes. Só na renovación de caldeiras, o investimento realizado en Pancenteo, Casa do Concello, Centro Social Polivalente, campo de fútbol, pavillón municipal e Tabagón supera os 336.000 euros. Unha aposta que se estende tamén á rehabilitación e recuperación dos espazos públicos con criterios de eficiencia enerxética e ambiental, como na reforma das escolas unitarias xa realizada ou na recuperación da contorna do San Gregorio en Pías, que acaba de comezar.

Un esforzo que vai máis alá do Concello

O seguimento do PACES constata que, a pesar de que a poboación do Rosal medrou arredor dun 3% e de que tamén aumentou o número de vehículos respecto a 2016, as emisións de carbono do conxunto do municipio reducíronse un 4,5%. Para a rexedora este dato “fala dun esforzo que é colectivo. A administración ten que dar exemplo e facilitar ferramentas, pero a transición cara a un municipio máis sostible só é posible coa implicación de toda a veciñanza”.

Precisamente por iso, outro dos eixos que se trasladou ao xurado de Vilas en Flor foi o traballo de educación e sensibilización ambiental desenvolvido ao longo de todo o ano para que coñecer o territorio sexa tamén unha forma de aprender a coidalo. Entre estas iniciativas están campañas divulgativas como ‘O mellor do verán tamén se coida’, centrada este ano no coidado dos ríos, así como as andainas interpretativas, as actividades desenvolvidas nos Muíños do Folón e do Picón ou propostas como O Rosal Camiña, que empregan o percorrido a pé polo territorio para achegar á cidadanía ao patrimonio natural e fomentar unha relación máis consciente coa contorna.

Da acción local a Europa

O Concello do Rosal tamén é exemplo no desenvolvemento de comunidades enerxéticas, buscando que a transición enerxética sexa tamén participativa e permita que os beneficios da produción renovable permanezan no territorio. Esta experiencia levará precisamente á alcaldesa a participar a vindeira semana no Comité Europeo das Rexións, onde abordará a importancia das iniciativas enerxéticas impulsadas desde o ámbito local e a necesidade de que poidan acceder a financiamento europeo para facelas realidade.

Comparte este artigo