O Pleno deu luz verde inicial á regulación do prezo público de artigos vinculados á identidade, o patrimonio e as alfombras florais de Ponteareas.
A venda realizarase preferentemente na nova Oficina Municipal de Turismo e incluirá desde téxtil ata a Menina Ponteareana e produtos gastronómicos.
O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou inicialmente a Ordenanza reguladora do prezo público pola venda de material e produtos de promoción turística. Esta nova norma permitirá poñer á disposición da veciñanza e dos visitantes unha ampla variedade de artigos vinculados á imaxe, a cultura, o patrimonio e as tradicións do municipio.
A iniciativa nace co obxectivo de reforzar a promoción turística de Ponteareas e proxectar a súa marca máis alá da localidade. Deste xeito, ofrécense produtos que permiten identificar e acudir aos seus principais recursos, especialmente o Corpus Christi e as súas alfombras florais, pero tamén a súa natureza, gastronomía, festas e patrimonio.
A venda realizarase preferentemente desde a nova Oficina Municipal de Turismo, situada na Casiña do Corpus (Rúa dos Ferreiros), reforzando así o papel deste espazo como punto de referencia para os visitantes. A ordenanza contempla tamén a posibilidade de habilitar no futuro outros puntos de venda municipais, incluíndo sistemas de venda a distancia ou por medios electrónicos. Co obxectivo de axilizar a xestión, o pago dos produtos realizarase exclusivamente mediante tarxeta bancaria ou outros medios electrónicos habilitados polo Concello, sen admitirse cartos en efectivo.
Variado catálogo
O catálogo inicial aprobado ofrece unha variada gama de artigos deseñados para os visitantes. Entre os produtos dispoñibles atópanse opcións téxtiles como camisetas promocionais, polos e sudaderas coa marca Vila do Corpus, así como gorras e calcetines. Ademais, a oferta inclúe recordos e artigos promocionais como a Bolsa oficial de tela Vila do Corpus, as pulseiras conmemorativas, postais e a emblemática Menina Ponteareana en tamaño mediano.
A sección gastronómica e de doces complétase con produtos tradicionais e personalizados, destacando as famosas rosquillas de Ponteareas, os paquetes de napolitanas de chocolate coa imaxe do municipio e as tabletas de chocolate de un quilogramo ilustradas coas alfombras florais.
A alcaldesa, Nava Castro, puxo de manifestó que “esta medida supón un passo máis na profesionalización do destino. Queremos que a imaxe de Ponteareas viaxe con quen nos visita”. Castro engadiu que “contamos cunha identidade propia moi potente, encabezada polo Corpus Christi, pero tamén cun patrimonio, gastronomía e natureza que debemos seguir dando a coñecer”. Estes produtos “serán unha ferramenta máis para converter os visitantes en embaixadores do noso municipio”, puntualizou a rexedora.
O acordo plenario prevé delegar na Xunta de Goberno Local a incorporación ou supresión de futuros produtos e a actualización de prezos, sempre cunha xustificación económico-financeira. Tras esta aprobación inicial, a ordenanza someterase a información pública durante un prazo mínimo de 30 días. De non presentarse reclamacións, quedará aprobada definitivamente.

