O Rosal aprende a escoitar a natureza cos seus exitosos roteiros ‘A lingua das aves’

Redacción
Lectura mínima de 3

As e os participantes aprenderon a identificar máis de 20 especies polo seu canto nunha experiencia que combinou natureza, aprendizaxe e sensibilización ambiental

Grande éxito da terceira edición do roteiro ‘A lingua das aves’. Ante a alta demanda, o Concello tivo que organizar dúas quendas desta saída ornitolóxica na que as e os participantes aprenderon a escoitar os sons da primavera convertendo a Senda de Pescadores do río Tamuxe nunha grande aula ao aire libre.

Acompañados por Lorena Franco, de Biophilia, e Manu Sobrino, de El Naturalista Cojo, persoas de todas as idades aprenderon a identificar ás máis de 20 especies de aves atopadas durante o percorrido a través dos seus cantos, afinando o oído e a atención ao medio natural.

Durante o roteiro, especies como o paporroibo acompañaron de forma constante a xornada, mentres que tamén se puideron recoñecer os sons do peto verdeal, da carriza, dos ferreiros ou da papuxa das amoras. Ademais, houbo ocasión de observar especies como o lagarteiro peneireiro ou mesmo unha parella de cegoñas sobrevoando a zona, así como observar o niño da andoriña dáurica situado baixo a ponte do vial descuberto na pasada edición destas saídas ornitolóxicas.

A actividade foi máis alá da simple observación, converténdose nun exercicio de conexión coa natureza e de toma de conciencia ambiental. Ao longo do percorrido, as persoas participantes tamén colaboraron na recollida de pequenos residuos atopados no camiño, reforzando o compromiso co coidado da contorna.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “iniciativas como esta axúdannos a redescubrir o noso patrimonio natural e a entender que convivimos con moitas máis especies das que imaxinamos. Aprender a escoitalas é tamén aprender a respectalas e coidalas”. A rexedora subliñou ademais que “este tipo de actividades son fundamentais para fomentar hábitos saudables, sostibles e unha maior conciencia ambiental entre a veciñanza”.

As xornadas completáronse cunha introdución ao uso de aplicacións móbiles de identificación de cantos de aves, como BirdNet ou Merlin, ferramentas que permiten seguir practicando e afondando neste coñecemento máis alá da actividade.

Comparte este artigo