O Concello aprobará en pleno unhas contas de 6,25 millóns de euros con investimentos destinados á dinamización social, educativa, cultural e deportiva para mellorar a calidade de vida da veciñanza
O Rosal entra nunha nova etapa de planificación económica cunha clara aposta polo benestar da veciñanza. O Concello aprobará o vindeiro luns 22 en pleno uns orzamentos que ascenden a 6,25 millóns de euros e consolidan a aposta do Goberno municipal por investimentos, servizos e programas de dinamización social, educativa, cultural e deportiva que melloren a calidade de vida dos rosaleiros e rosaleiras en todos os barrios.
“Con estes orzamentos seguimos reforzando o noso compromiso co presente e o futuro do noso concello, garantindo investimentos clave en infraestruturas e programas que chegan a todas as idades. Son os orzamentos máis sociais da historia do Rosal porque executaremos investimentos clave para garatir o futuro da educación deportiva e musical, para a mellora en termos de servizos dos camiños municipais e para o incremento da actividade e da dinamización social dirixida a todas as idades”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Entre algunhas das actuacións máis relevantes previstas para 2026, a rexedora sinalou a reforma do auditorio municipal, que suporá un investimento de case 900.000 euros en rehabilitación enerxética e reforma interior ou para mellorar os camiños municipais, ao que se destinarán case 330.000 euros.
Tras a aprobación inicial dos orzamentos, ao longo do ano incorporaranse fondos para a substitución da cuberta do pavillón municipal Javi Díaz, no que se investirán arredor de 275.000 euros, ou para continuar coa mellora do campo de fútbol da Mata. Ademais o Concello sumará tamén máis dun millón de euros como mínimo de fondos externos captados de administracións europeas, estatais, autonómicas e provinciais, que amplían a capacidade de acción local para proxectos cos que seguir mellorando a convivencia nos barrios e a sostibilidade.
Os orzamentos tamén contemplan máis dunha vintena de programas de dinamización social, económica, cultural e deportiva no Rosal. Como sinala a rexedora, “incrementamos a dotación en xuventude e en programas para persoas maiores, fomentando o envellecemento activo, a actividade deportiva, o benestar social, a dinamización dos barrios e a participación da cidadanía en iniciativas como Cultivando Coidados, a Escola de Saúde ou a formación activa coa colaboración da Universidade”.
Respecto aos servizos sociais, os orzamentos aumentan a dotación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun incremento de 100 horas mensuais respecto de 2025 e reforzando o programa de teleasistencia domiciliaria. Tamén se continúa co apoio ao tecido social local e se apostará pola sostibilidade, con accións como a renovación da caldeira do Centro Social Polivalente e a calefacción das Escolas Unitarias. Por outra banda, continuarase tamén coa redacción de novos proxectos como a Casa Escola de Novás ou a Escola de San Miguel.
“A planificación responsable e social destes orzamentos garante que todas as actuacións se orienten ao benestar das persoas, á cohesión social e á sustentabilidade, facendo do Rosal un municipio máis inclusivo e activo para todos os veciños e veciñas”, concluíu Fernández Callís.



