O Concello abre ata o 15 de xaneiro o prazo para participar neste certame xa consolidado que convida a persoas de todas as idades a crear historias en galego
O Rosal non ten medo á paxina en branco. O Concello volve apostar polo talento literario e pola creatividade en lingua galega coa convocatoria do III Concurso de Relato Curto en Galego, unha iniciativa organizada en colaboración coa Xunta de Galicia que xa ten aberto o prazo de participación e que busca seguir animando á veciñanza, especialmente á mocidade, a descubrir o pracer de escribir e expresarse en lingua galega.
Tras a boa acollida das anteriores edicións, o certame regresa coa vontade de continuar creando oportunidades para que novas voces atopen o seu espazo na literatura. A convocatoria está aberta a persoas non profesionais de todas as idades, que poderán presentar os seus relatos ata o 15 de xaneiro de 2027.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “cada historia que se escribe en galego é unha maneira de manter viva a nosa lingua e de demostrar que ten moito futuro. Queremos que este concurso siga sendo unha oportunidade para que persoas de todas as idades se animen a escribir, a compartir o que imaxinan e a descubrir que tamén teñen algo que contar”.
O concurso mantén as tres categorías de participación: infantil, para nenos e nenas de ata 11 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e adulta, a partir dos 18 anos. A temática será libre, polo que as persoas participantes poderán dar renda solta á súa creatividade, aínda que se valorarán especialmente as historias que incorporen elementos relacionados coa terra, coa contorna ou coa cultura galega.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González Martínez, anima especialmente á xente nova a participar. “Non fai falta ter experiencia nin pensar que unha historia ten que ser extraordinaria para merecer ser escrita. Ás veces, as mellores ideas nacen dunha lembranza, dunha conversa ou de algo que vemos cada día. Queremos que a mocidade perda o medo á páxina en branco e descubra na escrita en galego unha forma de expresarse con liberdade e creatividade”, sinala.
O grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal, Fogaric@s, súmase tamén á iniciativa animando especialmente aos nenos, nenas e adolescentes a participar. “Todas e todos temos historias que contar, reais ou inventadas, e este concurso é unha oportunidade para deixar voar a imaxinación e compartilas. Só fai falta ter ganas de crear e atreverse a poñer as ideas en palabras. Animámosvos a participar, porque a vosa historia pode ser a próxima que todos queiramos ler”, sinalan desde o grupo.
Premios para as mellores historias
O certame recoñecerá os tres mellores relatos de cada categoría, cun total de nove premios. As persoas que acaden o primeiro posto recibirán un libro electrónico de características profesionais e un lote de libros; as que obteñan o segundo premio, un libro electrónico e un lote de libros; e as que queden en terceiro lugar, un lote de libros. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo e unha copia dun pequeno recompilatorio cos relatos seleccionados.
As obras deberán ser orixinais, inéditas e estar escritas integramente en galego, sen empregar ferramentas de intelixencia artificial para a súa elaboración. Nas categorías xuvenil e adulta deberán ter unha extensión de entre 1.000 e 5.000 palabras, mentres que na infantil se establece un mínimo de 120 palabras.
O xurado valorará a calidade da redacción, a capacidade comunicativa, a orixinalidade, a complexidade das historias, os recursos literarios empregados e a vinculación das obras coa cultura e coa contorna. Estará integrado polo concelleiro de Xuventude, Alejandro González Martínez; María del Pilar González Rodríguez, mestra e responsable do club de lectura Ondas de Tinta; e Domenico Tinelli, gañador da primeira edición do certame.
Entrega presencial ou electrónica
As persoas interesadas poderán presentar os seus relatos de maneira presencial no Rexistro Municipal, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou a través do formulario habilitado na páxina web do Concello. En ambos os casos garantirase o anonimato das autoras e autores durante a valoración das obras.

