• Celébrase na Praza Elíptica entre as 12.00 e as 20.30 horas
• Haberá tamén xoiería feita a man e pezas de autor e vintage
A Praza Elíptica de Vigo acolle este venres e sábado a segunda edición do Vintax Market, un mercado con roupa de segunda man e de autor e complementos sostibles, como bolsos ou pendentes. Participarán en total máis de 30 profesionais e particulares que queiran dar outra vida a pezas ou obxectos que xa non usan, así como artesáns.
A organización, que é a mesma que dá vida ao mercado de arte, ilustración e deseño Mona, subliña que o Vintax Market é «un encontro para quen cre en vestir con sentido e crear con responsabilidade». «É un espazo dedicado á moda sostible e circular para promover o consumo responsable e consciente. Poden participar artesáns, deseñadores, vendedores de roupa de segunda man e todos os creativos que aposten pola moda ética», sinalan.
O Vintax Market celébrase na planta baixa do centro comercial Praza Elíptica entre as 12.00 horas e as 20.30 horas. Engaden os organizadores que, nesta edición, do mesmo xeito que xa se fixo na primeira, celebrada a mediados de xuño, destinarase parte do diñeiro recadado nas inscricións para apoiar iniciativas «cun impacto positivo tanto para o planeta como para as persoas directamente». «Na primeira edición, puxemos o noso gran de area en dous proxectos internacionais: The Ocean Cleanup, que se encarga da retirada de plástico presente nos océanos, e One Tree Planted, centrado na reforestación», concretan.

