HomePontevedraBaixo MiñoOia convida a produtores e artesáns a coñecer o novo mercado

Oia convida a produtores e artesáns a coñecer o novo mercado

- Anuncio -spot_img

Esta nova xornada de portas abertas celébrase despois da convocatoria dirixida a profesionais da hostalaría

O Concello de Oia convida a produtores e artesáns a coñecer as novas instalacións do mercado o próximo 14 de outubro ás 10.00 horas. Esta iniciativa enmárcase nas diversas xornadas de portas abertas que comezaron o pasado mes de setembro cunha xuntanza dirixida ao sector hostaleiro e que gozaron dunha boa acollida.

Con esta serie de encontros a Administración local está a dar a coñecer o resultado dos traballos de rehabilitación do edificio, que converteron a antiga praza de abastos nun espazo polivalente, moderno e cun uso enerxético eficiente. Pola súa banda, os colectivos profesionais convocados poden coñecer o proxecto de primeira man, expoñer as súas impresións e suxestións así como consultar as súas dúbidas.

O Concello apostou pola rehabilitación deste inmoble, situado nun lugar estratéxico, ao carón da estrada xeral entre Baiona e A Guarda, e moi preto do Camiño de Santiago; co obxectivo de dotar ao municipio dunhas instalacións que sirvan de punto de encontro para a veciñanza e poidan compatibilizar diversos usos. Así, contará cun espazo dedicado á comercialización de produto de proximidade, zona de cafetería e un espazo polivalente apto para acoller actividades culturais e de lecer.

A rehabilitación permitiu a recuperación do edificio do antigo mercado, situado no centro do municipio, co obxectivo de poñer en marcha un espazo no que se integre arte, cultura e comercio. A actuación incluíu a restauración dun dos elementos máis singulares do inmoble, a súa cuberta a oito augas, substituíndo a estrutura orixinal de aceiro por unha de madeira. Tamén se conservaron as aberturas orixinais na fachada e cuberta, a fin de dotar de iluminación natural un edificio no que tamén se logrou mellorar a conexión coa fachada marítima.

En canto aos traballos no seu interior, as principais intervencións centráronse na creación dun espazo central diáfano e unha bancada que permitirá a organización de eventos e a asistencia de público. Pola súa banda, o acceso desde o exterior farase a través dun total de catro portas, unha en cada fachada.

Publicacións Relacionadas