Xoán Reices “Non é admisible anunciar unha mellora integral e rematar por facer un simple parcheo”
O voceiro municipal do BNG da Estrada, Xoán Reices, vén de denunciar a actuación “deficiente e chapuceira” por parte do Ministerio de Transportes no recente asfaltado da estrada N-640 ao seu paso polo concello. Segundo Reices “lonxe de responder ás lexítimas reclamacións e necesidades reais da veciñanza, esta actuación é un simple parcheo parcial que non responde aos grandes problemas de seguridade e deterioro que presenta esta vía”.
O nacionalista fixo fincapé na situación dos cruces de Liñares e o Sol, onde se produciron atropelos, así como o paso pola propia vila.
O BNG da Estrada considera inaceptable que o ministerio continúe a tratar con desleixo unha estrada que cumpre unha función vital na comunicación do concello. A actuación feita polo ministerio non “é un mantemento digno dunha vía principal, hai treitos nos que os parcheos feitos polo Ministerio agravan a inseguridade” declarou Reices. “É unha chambonada, sen falar da falta de medidas de seguridade, e demostra o abandono sistemático por parte do goberno español”, afirma.
Dende o BNG esixen “un plan integral de actuacións na N-640, que inclúa non só un asfaltado de calidade en todo o percorrido, senón tamén a dotación de pasos seguros, mellora da sinalización vertical e horizontal e instalación de medidas do calmado do tráfico, especialmente na vila onde se produciron dez atropelos, dous deles mortais”.