- LEVARANSE A CABO OS MORFOLÓXICOS XXXIII CONCURSO AUTONÓMICO E XXXVII OPEN INTERNACIONAL, ADEMAIS DO XLII DE XÓVENES MANEXADORES E XX DE PREPARADORES DE GANDO
- XA ESTÁ ABERTA A INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NESTAS CITAS, PODENDO CONSULTAR AS BASES TANTO NA WEB DA FEIRA COMO NA DA FEDERACIÓN FRISONA GALEGA (FEFRIGA), ORGANIZADORA XUNTO COA FUNDACIÓN SEMANA VERDE DE GALICIA
A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal se celebrará do 20 ao 22 de febreiro de 2025 na Feira Internacional de Galicia ABANCA, volverá converterse nun referente para o vacún frisón a través da celebración dos concursos desta raza.
Organizados pola Federación Frisoa Galega (Fefriga) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, terán como eixos principais os concursos morfolóxicos, os cales se levarán a cabo o 22 de febreiro. Estes serán o Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga, o cal cumpre a súa trixésimo terceira edición, e o Open Internacional da Raza Frisoa GandAgro, que chega á súa trixésimo sétima convocatoria.
Os exemplares participantes competirán polos títulos de Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e polo de Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador Autonómico e Mellor Criador Internacional tanto absoluto como de xovenca, ademais de Mellor Gandería de Nova Participación.
A estes certames sumarase, tamén de man de Fefriga, o venres 21 de febreiro, o XLII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Engadirase, o mesmo día, o XX Concurso Internacional de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´25, no que os participantes mostrarán a súa destreza preparando ao gando que logo se presentará en pista.
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nestas competicións, finalizando o 17 de xaneiro no caso dos concursos morfolóxicos e o 3 de febreiro nos de manexadores e preparadores. A súa documentación está dispoñible na páxina web de Fefriga e tamén na páxina da feira Abanca Cimag-GandAgro.
Estas competicións, que contan con Xenética Fontao como un dos seus patrocinadores principais e que comezarán a recibir xa aos participantes o 20 de febreiro, converteranse en punto de encontro da mellor cabana bovina tanto galega como de fóra da comunidade.
Notable aumento en premios e axudas á participación
Nesta edición tanto o Concurso Autonómico como o Open Internacional da Raza Frisoa aumentaron as axudas á participación. Así, no Autonómico pasa a ser de 100€ por becerra e xovenca participante e 150€ por vaca, mentres que no Internacional sitúase en 60€ por becerra e xovenca e 100€ por vaca.
Ademais, o XXXVII Open Internacional incrementou os seus premios de forma notable. A xovenca gran campioa pasará de recibir 600€ a 1.200€, o dobre, mentres que a vaca gran campioa pasará de obter 1.000€ a 2.500€, un 150% máis. Así mesmo, as subcampioas recibirán premio en metálico por primeira vez, con 600€ no caso da xovenca e 1.000€ no da vaca.
En canto ao XXXIII Concurso Autonómico, mantén os premios cos que pretende continuar recoñecendo tanto a gañadores como a segundos postos en todas as súas categorías. Así, a xovenca gran campioa recibirá 600€ e a vaca gran campioa 1.000€, mentres que nos campionatos menores os premios serán de 150€ no caso do exemplar gañador e de 50€ no segundo posto. Ademais, os criadores teñen premio en metálico, recibindo o mellor criador autonómico 600€ e o segundo 300€, e tamén obtendo o mellor criador de xovencas 300€ e o segundo 150€.
Coas melloras en axudas e premios desta edición a organización pretende facer patente o seu recoñecemento aos criadores, polo seu esforzo tanto na mellora xenérica dos animais como en todo o proceso que require a participación neste tipo de concursos.