A concellería de infraestruturas e Sostibilidade denunciou esta mañá na Policía o roubo das baterías que alimentaban os semáforos de obra instalados no camiño da Milixiosa, en Cabeiro. O edil Roberto Villar explica que é a terceira vez que levan este material nos catro meses que levan instalados os semáforos neste camiño, o que supuxo para as arcas municipais un gasto de 2.100 euros. Malia que se reforzou a seguridade instalando unhas gaiolas de ferro para protexer as baterías, os ladróns forzáronas e levaron os equipos. O departamento decidiu non repoñelos, e manter unicamente a sinalización que indica o estreitamento da vía, mantendo así a seguridade na estrada. O concelleiro lamenta que esta situación prexudique aos veciños e condutores que transitan por esta vía, pero asegura que este gasto continuo para a reposición das baterías “é inviable”.
Non se trata dos únicos roubos destas características que se teñen producido nos últimos tempos na zona, noutros puntos da bisbarra como o municipio de Mos tamén subtraeron baterías de semáforos de obra en varios camiños.
A sinalización con semáforos de obra para regular o tráfico no camiño da Milixiosa instalouse tras o derrube de parte do talude da estrada, nos temporais do outono. As obras de reparación neste camiño son complexas, explica Villar, xa que é preciso contar coa cesión de varios terreos de particulares.

