Pazos de Borbén e Fornelos de Montes unen forzas para conseguir máis recursos e mellorar os servizos á veciñanza

Redacción

Luciano Otero e Emiliano Lage consolidan un modelo de colaboración municipal baseado no traballo conxunto, a procura de financiamento e a posta en marcha de proxectos compartidos que benefician aos dous concellos

Os alcaldes de Pazos de Borbén, Luciano Otero, e de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, asinaron este venres un convenio de colaboración que permitirá a adquisición e utilización compartida dun vehículo eléctrico destinado á recollida separada de biorresiduos, grazas a unha subvención conseguida conxuntamente polos dous concellos. O proxecto permitirá incorporar un vehículo 100 % eléctrico equipado cun sistema de carrozado intercambiable para mellorar a prestación deste servizo en ambos os municipios.

O acordo representa un novo exemplo de cooperación institucional entre administracións locais que, lonxe de competir entre si, apostan por sumar esforzos para captar investimentos e ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía.

O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, destacou que “cando dous concellos colaboran con lealdade institucional son capaces de conseguir proxectos que serían moito máis difíciles de sacar adiante de maneira individual. O importante non é quen lidera un proxecto, senón que os veciños sexan os beneficiados”.

Pola súa banda, o alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, sinalou que “este convenio é a mellor demostración de que o futuro do municipalismo pasa pola cooperación. Nas últimas semanas falouse moito de fusións de concellos, pero a realidade é que non fai falta eliminar administracións para mellorar os servizos. O que fai falta é vontade de entendemento, traballo diario e colaboración entre alcaldes”.

Lage engadiu que “a política non pode quedarse nos titulares nin nas declaracións grandilocuentes. Os veciños o que esperan dos seus representantes é que sexan capaces de sentarse, chegar a acordos e traer investimentos aos seus municipios. Iso é precisamente o que representa este convenio”.

Neste sentido, ambos os rexedores coincidiron en que este acordo non será un feito illado, senón que abre a porta a novas iniciativas compartidas entre Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Tanto Luciano Otero como Emiliano Lage amosaron a súa disposición a continuar explorando vías de cooperación en todos aqueles ámbitos nos que sexa posible optimizar recursos e ofrecer mellores servizos públicos.

O alcalde de Pazos de Borbén lembrou ademais que esta forma de entender o municipalismo xa está a dar resultados, como demostra o recente convenio asinado co Concello de Vilaboa para compartir o servizo de Protección Civil. Agora, con este novo acordo con Fornelos de Montes, consolídase unha maneira de gobernar baseada na cooperación, no diálogo e na procura constante de oportunidades para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A adquisición conxunta do novo vehículo para a recollida de biorresiduos permitirá aos dous concellos prestar un servizo máis eficiente e sostible, optimizando recursos públicos e demostrando que a colaboración institucional é unha ferramenta útil para impulsar proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía

Comparte este artigo