Na semana na que celebramos o Día Mundial da Infancia o Concello de Ponteareas celebra o seu pleno infantil no que escoitar e recoller as demandas das nenas e dos nenos e das mozas e mozos aínda que está non é a única vía para a comunicación directa co goberno e así o quixo recalcar a alcaldesa Nava Castro, “estamos abertos a escoitarvos ao longo de todo o ano e para iso puxemos en marcha o programa Conecta Xoven para escoitarvos e para ter en conta todas as vosas necesidades e suxestións e deseñar así unha vila amiga da infancia non conformándonos tan só cun título”.
A voz da infancia e da xuventude encheu o salón de plenos da Casa do Concello coas intervencións de Cecilia e Lucas do CEIP Feliciano Barrera; Mía e Brian CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera; Casandra e Juan do CEIP Santiago Apostol; Paula e Lea do CPR Plurilingüe La Inmaculada; Gabriel e Erea do CPR Plurilingüe Santiago de Oliveira; Hugo e Evelyn do IES Barral; Bibi e Mateo do IES Pedra da Auga e Laura e Noela do IES Val do Tea.
Tamén interviñeron os concelleiros de Xuventude, Cristian Estévez, a concelleira de Benestar Social, Raquel Planas, o concelleiro de Ensino, Ricardo González e os concelleiros da oposición Manoel Ucha, Vanesa Fernández e Miguel Bouzó, ademais da alcaldesa e profesorado que formaba parte do público.
Máis canles de participación como encontros programados, unha aplicación propia da infancia para trasladar necesidades, canles de difusión específica con temas de interese infantil, unha pasarela de acceso ao IES do Barral, un pavillón para o CEIP Feliciano Barrera que tamén poida usar a veciñanza, melloras de pavimentación e sinalización nos accesos aos centros, participación a través da creación de murais, un complexo de piscinas públicas abertas ao exterior, programas de apoio para unha mellor saúde mental e un redeseño dos métodos de participación foron algunhas das cuestións trasladadas.
Concelleiras e concelleiros da Corporación eloxiaron as intervencións do alumnado e salientaron non só a importancia das súas aportacións se non tamén o seu talento na exposición. “A infancia é para este goberno fundamental e por iso queremos darlle voz e potenciar a súa participación. Xuventude e infancia son o presente e tamén o futuro, apostamos pola súa formación, por apoios para introducilos no seu primeiro emprego e tamén por unha programación que sexa do seu gusto e que atopen na súa vila todo o que precisan para o seu tempo de lecer e formación dentro das nosas competencias e cando non o son xestión para conseguilo”, sinalou a alcaldesa.