AporM presentou unha moción de urxencia contra a iniciativa da empresa promotora, dado que o prazo para a presentación de alegacións remata o 23 de outubro
No pleno ordinario do pasado 8 de outubro os concelleiros de AporM presentaron unha moción de urxencia pedindo á Corporación que rexeitara a instalación do parque eólico de 10 aeroxeradores de 101 metros de altura (158 m se incluímos as hélices) arredor do Coto de Eira, así como a solicitude da inclusión do mesmo espazo na Rede Natura 2000, tal e como propuxera a Xunta de Galicia en 2012.
Antes de que o portavoz de AporM puidera explicar os motivos polos que solicitaba o debate da moción e de que puidera explicar o seu contido, PP, BNG e PSOE cuestionaron se a iniciativa podía ser tratada como unha moción ou como un rogo. O novo alcalde do PP expresou o seu desacordo con alegar contra o parque eólico sen antes falar cos veciños e comunidades de Montes das parroquias afectadas, debido a que había intereses económicos de por medio e non se podía rexeitar “porque si”. Aínda así, o portavoz de AporM intentou explicar as afeccións patrimoniais que ten o proxecto do parque eólico e que a urxencia do asunto viña dada porque o prazo de alegacións remata o vindeiro 23 de outubro, o resto de grupos, BNG e PSOE aceptaron o argumento do PP para deixar o asunto “sobre a mesa ata que falen cos veciños”.
O grupo de AporM está de acordo e tratar o tema cos veciños e comunidades de montes de Sabaxáns e Gargamala, xa que serán os principais afectados por esta intervención, pero non debemos esquecer que no 2008 a Xunta de Galicia tiña planificado incluír o Coto de Eira dentro da Rede Natura, algo que finalmente descartou no 2012, polo que é innegable o valor natural e paisaxístico do Coto de Eira e por iso se considera urxente a súa protección. Ademais o planeamento urbanistico de Mondariz, desde o ano 1999, cualifica o Coto de Eira como Solo Rústico de Especial Protección Forestal, o que impide a construción ou instalación de infraestruturas alleas ás forestais.
Mentres noutros concellos xa iniciaron a tramitación das alegacións contra os parques eólicos que a Xunta impón sobre os seus territorios (por exemplo nas Neves, onde outra empresa quere construír un parque eólico en Sanomedio), o grupo AporM lamenta que en Mondariz teñamos que esperar a que o asunto se arrefríe “sobre a mesa” para coñecer a postura do actual Goberno apoiado polo BNG e polo PSOE.
Festivos locais 2025
No mesmo pleno ordinario incluíuse tamén na orde do día a probación dos festivos locais para o 2025.
A proposta do actual Goberno do PP correspondíase coa que deixara inicialmente o anterior Goberno de AporM, á espera de confirmar cos comerciantes a súa opinión ao respecto, e na que se se elixían como festivos locais o 9 de xuño, luns da Franqueira, e o 4 de marzo, martes de Entroido. Sen embargo, como expuxo o portavoz de AporM, unha vez comentado cos comerciantes, na maioría dos casos consideraban conveniente manter como festivo o 16 de agosto, día de San Roque, a pesar de coincidir en sábado, para non prexudicar aos traballadores para os que o sábado é un día laborable. O resto de grupos aceptaron este cambio na proposta e foi aprobado por unanimidade.

