A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro nunha cita que forma parte da programación do 8M. Será ás 19 h na sala Félix Rodríguez
A programación do Concello de Tui “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” polo 8M, Día Internacional da Muller, continúa este xoves, 20 de marzo, coa presentación do libro “As benfaladas” de María Xosé Porteiro.
María Xosé Porteiro é xornalista, escritora, política e feminista radicada en Vigo dende a súa adolescencia. Na súa faceta como escritora publicou varios libros, como “Quen é quen no primeiro Parlamento Galego” (1981); “A comunicación en Galicia” (1999); “Covardes” (2000); ou “Vine, vi… y hablé. Las mujeres frente al discurso público” (2012).
Agora presentará en Tui a súa nova obra, “As benfaladas”, onde reflexiona sobre a prohibición que durante moitos anos tiveron as mulleres de poder, simplemente, falar. Con prólogo de Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero, Porteiro propón alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativo e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade, entendido como unha necesidade para combater a violencia simbólica que padece.
A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro, xestora cultural e comisaria, nun encontro que terá lugar ás 19 h deste xoves 20 de marzo na sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez. A entrada é libre e gratuíta.