Propostas do BNG contra a perda de poboación no noso concello

adminON
Lectura mínima de 20

A poboación da Estrada non para de caer desde hai máis de 70 anos. Porén, agora estamos en niveis críticos. Non había tan poucos habitantes no noso concello desde 1850. Ademais, nunca houbo tan pouca xente nova e en idade de traballar, unha tendencia que se agravou nos últimos 20 anos. Se ben é certo que a tendencia ao despoboamento é un problema común, sobre todo en Galiza, isto sucede sobre todo nas vilas pequenas, nas vilas de máis de 20.000 habitantes a situación é máis variada (das 16 6 perderon poboación e 10 gañárona). Ademais, o que chama a atención é que destas vilas de máis de 20.000 habitantes A Estrada é a que máis poboación perde desde o ano 2011. Durante estes anos as vilas galegas de máis de 20.000 habitantes aumentaron de media un 1,9% de poboación mentres que A Estrada perdeu case o 8%.

Na estrutura da poboación da Estrada, pódese observar un incremento progresivo do peso da categoría de persoas maiores de 65 anos (% > 65) de forma continuada a medida que as outras dúas categorías (0-16 e 17-64) van minguando. Até finais da primeira década dos 2000 a franxa de 16 a 64 medraba a costa da franxa de menores de 16 anos pero a partir do ano 2010 este grupo de poboación tamén comeza a perder peso en favor dos maiores de 65. O panorama actual resultante ten como características un devalo da porcentaxe de persoas entre 16 e 64 anos e un mantemento das persoas menores de 16, que se explica, sobre todo, pola perda de poboación da Estrada e non polo seu número absoluto (xa que, se ao inicio da serie este grupo tiña 2628 persoas no ano 2022 constaba só de 2295, un 14.15 % menos). Porén, a categoría de maiores de 65 crece no concello tanto de xeito relativo, pasando de ser o 24.4% da veciñanza en 2002 a ser o 28.74 no pasado ano, coma de xeito absoluto (sendo 5441 maiores de 65 en 2002 e 5778 en 2022 (un 6,2% máis). Isto leva  a un avellentamento da poboación do concello, como demostra o Índice de envellecemento que pasa, no período para o que hai datos, de 141.68 a 196.85 (un aumento do 38,9%) e un sobreenvellecemento que pasa do 13.31 ao 21.78 (un 63% máis).

Situación económica

Na Estrada a renda media é de 11.581€ mentres que o rendemento medio do traballo son 16.292 € ao ano (un 18% menos que a media de Galiza). Arredor do 20% da poboación en situación de pobreza (e un 21% de pobreza infantil), sobre todo na vila, e incluso hai un 8% da poboación cuns ingresos de menos de 7500 € ao ano – unha proporción que se dispara até o 10-12% da vila, fronte ao 5-7% das parroquias. Boa parte destes datos derivan da estrutura produtiva do noso concello. O concello da Estrada ten unha taxa de traballadores asalariados do 88,6% e unha autocontención laboral, que é a capacidade que ten un territorio de fixar laboralmente a súa poboación, do 34,4%, 7 puntos menos que en 2011, cando era do 41,6%.

Así, os sectores primario e secundario representan só o 20,9% do emprego fronte ao 67,9% dos estradenses empregados polo sector terciario. Neste mesmo período a poboación que se dedica á agricultura ou gandaría no noso concello descendeu a case a metade (do 8 ao 4,9%). O devalo da actividade agrogandeira débese principalmente debido ao peche de explotacións bovinas (de 1255 en 2002 a 378 en 2022) e unha redución da superficie de explotación agraria do 50% entre 1999 e 2009 (de 18810 ha a 9603). Esta situación prevese que continúe xa que os xefes das explotacións teñen unha idade media de 67,6 anos. A pesar destes datos, o sector agrario produciu en 2020 un 7,7% do VEB da Estrada (un 57% máis ca o emprego e ademais aumentando un 36% dende 2010) o que indica a súa alta produtividade mentres que o sector servizos, que representa case un 68% do emprego produce o 63% do VEB. No caso do sector industrial este representa o 15,5% do emprego e só un 10,1% do VEB, o que indica ou ben que parte dese emprego industrial é fóra do concello ou unha baixa produtividade neste sector (ningunha das opcións é boa para a nosa economía). Ademais a porcentaxe de VEB industrial sobre o PIB caeu un 11% en dez anos, o que indica que a industria perdeu peso e competitividade na nosa estrutura económica.

A nivel de postos de traballo totais, incluso cun importante aumento do número de persoas empregadas no concello entre 2011 até 2023 (desde 7552 a 8150) esta recuperación é desigual e sucede só a partir dos 40 anos, mentres que entre as persoas menores de 39 anos (en teoría a poboación albo en materia de compra de vivenda e reprodución) o número de empregados pasou de 3450 (e un 39 % de paro) a 2515 (e un 32 % de paro), unha redución do 37,2%, mentres que entre os maiores de 40 anos o paro pasou de representar o 14% en 2011 ao 7,5% en 2023. É dicir, o paro reduceuse case tres veces máis rápido en maiores de 40 que entre os menores de 40.

No ano 2008, antes da crise, había na Estrada 1018 autónomos sen asalariados, mentres que en 2021 son 1284. A isto hai que sumarlle a desaparición do 8,7% das empresas no mesmo período. Amais, se no 2008 había 36 empresas con máis de 20 asalariados mentres que en 2021 só había 22 (8 e 6, no caso de empresas de máis de 50 traballadores) polo que, polo xeral, as empresas da Estrada son agora máis pequenas (pasando o tamaño medio de 2,71 a 2,50 entre 2008 e 2021), menos competitivas e ademais con menor capacidade para ofrecer mellores condicións laborais. Isto explica por que o PIB está practicamente estancado a nivel de 2010 e que soamente aumenta o PIB per capita pola baixada de poboación.

Neste contexto no que cómpre atraer empresas competitivas á Estrada, no noso concello non hai solo industrial público, e o solo industrial privado ten unha superficie neta de 74.974 m2  (fronte aos 176.486 de Silleda ou os 443.419 de Lalín, segundo o observatorio de solo empresarial) o que lastra a actividade empresarial no concello.

Esta estrutura produtiva non só repercute nas condicións laborais senón tamén nos ingresos futuros – nas pensións – que no 2022 acadaron unha contía mediana de 724,61 € no noso concello (871,59€ no caso dos homes e 721,7€ no caso das mulleres).

Todo isto inflúe na capacidade de acceso á vivenda, de independencia e de reprodución.

Conxuntura da vivenda

Na Estrada en 2021 había 12.477 vivendas, das cales só o 62% (7788) son unha primeira residencia. Destas 7788 vivendas principais 6108 (o 78%) son vivendas en propiedade, 1281 son vivendas noutro réxime de tenza, mentres que só 399 vivendas son vivendas en alugadas (o 5% das vivendas principais e o 3,2% das totais) a un prezo medio de 300€ (un 20% máis ca nos concellos da contorna).

Do total de 12477 vivendas da Estrada, en concreto das 4689 que están clasificadas como segundas vivendas, 3962 (o 84,5%) están baleiras (eran 2050, menos da metade, en 2011). A porcentaxe de vivendas baleiras sobre o total de vivendas é do 31,75%, case o dobre que o 18,2% do ano 2011.
Isto déixanos un concello con case a metade da vivenda baleira pero que, aínda así, non está dispoñíbel para o seu aluguer. Polo tanto cómpre impulsa-lo alugueiro tanto no centro como no rural, xa que non hai diferenza entre a porcentaxe de xente que vive en aluguer entre o centro e as parroquias. Porén, os alugueiros teñen que ser accesíbeis. O noso concello é unha zona tensionada se se compara o aumento dos alugueiros co IPC – segundo un estudo do IGVS para o ano 2021 – xa que o prezo medio do alugueiro subeu un 15,6% entre 2017 e 2021, unha variación dun 8,2 sobre o IPC. Neste contexto a vivenda pública ten que ser parte da solución; porén nos últimos 14 anos non se construíu ningunha vivenda de promoción pública na Estrada, fronte ás 16 de Lalín, as 35 do Porriño ou as 15 dun concello próximo e pouco poboado como pode ser Cerdedo-Cotobade.

En resumo:

A Estrada conta cun nivel de fecundidade baixo, que cómpre incrementar incidindo na conciliación e na mellora económica e hai que focalizar tamén o esforzo en atraer a nova veciñanza e a desincentivar a emigración, fenómeno substancialmente económico que se atalla paliando a precariedade, os salarios baixos e aumentando servizos e vivenda.

Propostas do BNG contra a perda de poboación no noso concello

Os principais eixos sobre os que traballar para inverter as tendencias demográficas do noso concello son: Traballo para que a xente teña por que vivir na Estrada; Vivenda para que a xente teña onde vivir na Estrada; Ocio para que a xente queira vivir na Estrada; Servizos para que a xente poida vivir na Estrada; e Conciliación para que a xente poida gozar a Estrada.

A primeira medida sobre un tema tan importante como a cantidade de veciños é facer á veciñanza partícipe do proceso.

1. Abrir unha plataforma na que a veciñanza aporte as súas ideas para reverter o noso devalo demográfico, xa que 2 cabezas pensan máis ca unha e 20.013 pensan máis ca 13.

TRABALLO

2. Incrementar o solo industrial público e crear unha oferta atraente (por exemplo, a moratoria do aluguer até a consolidación da actividade empresarial) e primar aquelas industrias que transformen os produtos da Estrada para aumentar o seu valor engadido.

3. Creación de micro-polígonos industriais no rural que favorezan o asentamento de pequenas e medianas industrias polo rural, o que evita a concentración do traballo nun punto e dinamiza economicamente todo o territorio, atraendo servizos e poboación á súa contorna.

4. Implementar medidas fiscais a novos asentamentos de veciñanza e empresas mediante a adhesión do concello á rede de concellos emprendedores.

5. Favorecer a creación de montes en mancomún e de cooperativas agrogandeiras, o que permite maiores investimentos de capital e unha racionalización do traballo, o que mellora as condición laborais

6. Promover a creación de canais de comercialización directa dos produtos agrogandeiros, industriais e de servizos producidos na Estrada.

7. Xestionarase a dotación dun parque de maquinaria que rebaixe o gasto inicial para permitir un maior acceso á formación de empresas .

8. Aumentar a eficiencia das explotacións agrogandeiras mediante a posta en marcha de ciclos formativos agrarios na oferta de FP, cursos para persoas en desemprego con terras improdutivas e cursos de capacitación para labregas xa en activo.

9. Procuraranse acordos entre as diferentes facultades das universidades galegas e o Consello Económico e Social do concello, a fin de implementar programas de prácticas para o alumnado universitario coas empresas da Estrada e incentivar a contratación dos titulados. Crearanse obradoiros de emprego nos que se porá en contacto ao alumnado con empresas estradenses que non atopan remuda xeracional, favorecendo un emprego estábel a longo prazo para o alumnado e evitando o peche de empresas por falta de relevo.

VIVENDA

10. Solicitar á Xunta de Galiza a construción de vivendas de promoción pública e iniciar un novo parque de vivenda de público construído ou rehabilitado polo concello, urbanizando A Estrada de forma racional.

11. Delimitar o solo edificábel de acordo ás necesidades de vivenda dos veciños e veciñas do rural e das persoas que se queiran incorporar ao traballo agrícola.

12. Creación dunha bolsa pública de vivendas e locais comerciais en alugueiro ao que se incorporen os propietarios particulares e que permita a mediación do concello. Deste xeito poden pactarse prezos asumíbeis e condicións estábeis para os inquilinos e tamén garantías para os arrendadores (por exemplo un seguro contra impagos ou destrozos).

13. Promover a mobilización para venda ou alugueiro da vivenda desocupada e dos locais comerciais mediante a acción positiva e o gravame fiscal dos inmóbeis baleiros de longa duración.

OCIO

14. Apoiar as iniciativas dos locais sociais e centros culturais e dinamizar o seu funcionamento ofertando actividades socioculturais desde o concello nas parroquias de xeito estábel ao longo do ano e non puntual.

15. Habilitar un Centro Cívico interxeracional pero dirixido principalmente á mocidade, apoiado polo concello pero con actividades elaboradas desde o propio centro (exposicións, cineclubes, clubes de lectura…).

16. Creación e potenciación dunha rede de sendeiros, rutas culturais e rede ciclista que conecte a vila coas parroquias cun parque de bicicletas público de libre empréstito.

17. Humanizar as rúas, crear novas zonas verdes en lugares antes dedicados ao tráfico e a parcelas sen uso, conformando un entorno sen feísmo e máis agradábel para a vida.

18. Abrir á participación cidadá a confección da programación das actividades lúdicas e culturais do concello, para aumentar e mellorar a oferta.

SERVIZOS

19. Informar desde o concello as axudas ou subvencións de diferentes administracións e crear un servizo do concello específico para a axuda á veciñanza nos trámites administrativos.

20. Exixir a ampliación no número de profesionais e servizos nos centros de saúde tanto da vila como nos rurais.

21. Dotar dos servizos básicos necesarios para o subministro de auga potábel, saneamento e recollida de lixo en tódalas parroquias.

22. Crear no punto limpo un punto de reparación, troco e intercambio alongando a vida dos obxectos e aforrando cartos á veciñanza, establecendo colaboracións con módulos de Formación Profesional
23. Fomento da instalación de enerxías limpas renovábeis, tanto de titularidade pública como colectiva (na forma de comunidades enerxéticas) ou privada para autoconsumo. Isto permitirá abaratar as facturas da luz da veciñanza e das empresas. Impulsaremos tamén comunidades enerxéticas asociadas ás zonas industriais.

24. Facilitar os desprazamentos mediante unha rede municipal de transporte público que conecte a vila co rural e racionalizar o transporte colectivo para facelo máis acaído ás necesidades das estudantes da USC e das traballadoras.

25. Creación dunha “cousateca” municipal. Puntos locais de préstamos, seguindo o concepto das bibliotecas, de obxectos de uso puntual. Este servizo implica un aforro económico para a veciñanza e favorece que se leven a cabo accións que se poden retrasar por falta de cartos.

26. Facilitar e impulsar a creación ou modernización dos “ultramarinos” con taberna, fundamentais para a fixación da poboación no rural e para a creación de emprego. Valorarase a adquisición de inmóbeis no rural ofrecendo así un negocio en cesión de explotación cunha vivenda asociada durante a explotación, deste xeito mantense un servizo e facilítase un posto de traballo e unha vivenda.

CONCILIACIÓN

27. Apoio á creación de escolas infantís e ludotecas tanto na vila coma no rural, por exemplo, nas instalacións dos CEIP e das antigas casas escola, cedendo os espazos de forma gratuíta a quen queira explotar este servizo e asegurando tamén o transporte das crianzas desde e até as vivendas. Así mesmo implantar en tódolos centros os servizos de coidador, plan madruga e comedor.

28. Impulsar a creación de puntos públicos de comida para levar na praza de abastos ou nas tabernas rurais. Isto asegura menús saudábeis elaborados con produtos de procedencia local, con tarifas asumíbeis para a veciñanza, garante uns prezos dignos para os produtores e reduce a carga de traballo tanto mental como manual sobre todo das nais.

29. Creación dun centro de día digno e cun prezo asumíbel e dunha unidade de respiro familiar (por exemplo, para un coidado básico dunha persoa vella ou cunha discapacidade en caso de viaxe, descanso ou hospitalización doutro membro da unidade familiar).

30. A medida que se implanten esas medidas poderanse facer campañas de publicidade que permitan atraer poboación de fóra, en vez de chamar a empadroarse a xente que xa vive aquí.

Comparte este artigo