- Como exemplo de adaptación inaugurouse esta mañá un semáforo con pictogramas na estrada de Vigo, na zona do Salgueiral. Deste xeito favorécese a comprensión das persoas co diversidade funcional, xa que unha placa con pictogramas amosa como funciona o semáforo, e cando se pode cruzar o paso de peóns.
- No acto institucional Andaina denunciou que este colectivo “sigue sufrindo segregación, discriminación e maltrato”. Alumnos e alumnas do módulo Prelaboral de Andaina pediron “poñer en valor a diferenza” e un futuro “xusto e equitativo”. Nesta xornada participaron tamén escolares do CEP Santa Mariña e do IES Illa de San Simón.
- A alcaldesa, Digna Rivas, demandou os dereitos das persoas con diversidade funcional se cumpran en todos os eidos, e esixiu á Xunta de Galicia unha maior implicación en materia de ensino para unha integración “real” de todo o alumnado.
Redondela conmemorou hoxe o Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, data declarada pola ONU en 1992. A Asociación Andaina, en colaboración do Concello de Redondela, celebrou hoxe varios actos reivindicativos “para promover os dereitos das persoas con discapacidade e concienciar sobre a súa situación a toda a sociedade”. Como exemplo de adaptación inaugurouse un semáforo con pictogramas na estrada de Vigo, no Salgueiral. Así favorécese a comprensión das persoas co diversidade funcional, con outro xeito de comunicación, como persoas con autismo ou discapacidade intelectual. Unha placa con pictogramas amosa como funciona o semáforo, e cando se pode cruzar o paso de peóns. O goberno de Digna Rivas avanzou que de xeito progresivo no vindeiro ano irán adaptándose o resto de semáforos do municipio.
A praza do Concello acolleu ao mediodía o acto institucional, con Lara Naya, presidenta de Andaina, e Raquel Bastos, da directiva, quen denunciaron que este colectivo “sigue sufrindo segregación, discriminación e maltrato”. No seu manifesto esixiron que a educación “non segregue por cuestión de capacidades”, xa que nos entornos diversos “é onde máis se aprende e evítase a discriminación”. Co lema “máis dereitos, menos favores”, demandaron unha vez máis ser cidadáns de pleno dereito en materia sanitaria, laboral ou no deporte. Na lectura do manifesto participaron os protagonistas da xornada, alumnos e alumnas do módulo Prelaboral de Andaina, que pediron “poñer en valor a diferenza” e un futuro “xusto e equitativo”, porque unha sociedade está completa “cando todos e todas participan cos mesmos dereitos”. Nesta xornada reivindicativa participaron escolares do CEP Santa Mariña con mensaxes a favor dunha sociedade “inclusiva e solidaria” e do IES Illa de San Simón, que adaptaron un coñecido tema de Karol G cunha letra moi emotiva que pon en valor “o gran potencial das persoas con diversidade funcional”. A música tradicional púxoa a Rondalla de Ventosela, “un exemplo real de integración e cidadanía”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de pechar este acto “co que pretendemos dar visibilidade a esta data” porque aínda queda moito camiño que percorrer. Puxo o acento no lema de Andaina, porque “son dereitos, e non favores” as reivindicacións que fai o colectivo. Rivas demandou que estes dereitos se cumpran en todos os niveis e esixiu á Xunta de Galicia unha maior implicación en materia de ensino para unha integración “real” de todo o alumnado.

