Redondela oferta un curso gratuíto de Atención Sociosanitaria no Domicilio

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Redondela e a empresa Idades realizan no mes de outubro un curso de Atención Sociosanitaria no Domicilio. A formación realizarase do 21 ao 31 de outubro e inclúe un total de 60 horas, das que 36 horas serán teóricas e as outras 24 prácticas. As clases teóricas serán en horario de tarde, de 16:30 a 20:30 horas, no Multiúsos da Xunqueira. Neste curso o alumnado aprenderá a desenvolver intervencións para mellorar a autonomía persoal das persoas con necesidades especiais de saúde física, psíquica e social. Nas clases o alumnado aprenderá técnicas de hixiene e aseo das persoas dependentes, alimentación e os diferentes tipos de dietas, técnicas de mobilización e traslado e normas básicas sobre a medicación, entre outras cuestións.
A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, anima á cidadanía a inscribirse neste curso que supón “unha oportunidade formativa para posteriormente conseguir un emprego, nun sector no que a demanda de profesionais está en constante crecemento”. Este curso, que é de balde, brinda a oportunidade de adquirir habilidades e coñecementos necesarios para prestar atención sociosanitaria de calidade no fogar, “contribuíndo así ao benestar das persoas maiores e dependentes do municipio”, sinala a edil.
As persoas interesadas en realizar este curso poden enviar a solicitude ao enderezo electrónico paula@idades.es ou contactar co número 653 995 307.

Comparte este artigo