HomePontevedraRedondela segue á espera polo convenio coa Xunta para abrir a mostra...

Redondela segue á espera polo convenio coa Xunta para abrir a mostra de Sargadelos no Día das Artes Galegas dedicado a Díaz Pardo

- Anuncio -spot_img

– A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que un día como o de hoxe Redondela non poida ter aberta ao público a exposición de pezas de Sargadelos instalada na Casa da Torre. O Concello segue á espera de recibir o novo convenio da Xunta para a cesión deste espazo, así como a cesión da praza da Torre, da parcela O Carballo das Cen Pólas en Reboreda e a finca anexa A Garonda.

– Desde a Dirección de Turismo de Galicia comprometérose a ter o convenio no primeiro trismestre deste ano, prazo que rematou sen ter recibido no Concello comunicación algunha. Rivas está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que agardamos desde hai anos” e confía en que desde a Xunta “se materialice tamén canto antes o seu compromiso”

O 1 de abril celébrase o Día das Artes Galegas, dedicado este 2025 ao artista, creador e intelectual galego Isaac Díaz Pardo. A Real Academia Galega das Belas Artes xustificou a elección por ser Díaz Pardo “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas de Galicia”. O artista foi responsable da nova etapa de restauración da cerámica de Sargadelos, que concibiu como empresa e centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura galegas. A alcaldesa, Digna Rivas, lamenta que un día como o de hoxe Redondela non poida ter aberta ao público a mostra de Sargadelos instalada na Casa da Torre. O Concello segue á espera de recibir por parte da Xunta o novo convenio para a cesión deste espazo, xa que o que se fixo en 2016 para a súa posta e marcha venceu hai anos.

O  Director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, comprometeuse coa alcaldesa a que no primeiro trimestre deste ano estarían os convenios asinados, prazo que rematou sen ter recibido no Concello comunicación algunha. En canto á solicitude feita pola Axencia de Turismo de Galicia sobre os medios que habilitará o Concello en materia de seguridade na sala da exposición, dende o Concello solicitouse á Axencia que remita as medidas necesarias a incluír en materia de seguridade. A alcaldesa lembra que o convenio de cesión, asinado pola Xunta co anterior goberno do PP, establecía a instalación de cámaras de vixilancia que son as mesmas que se conservan a día de hoxe na sala. Rivas lembra que, se o Plan Xacobeo ten intención de renovar a cesión “nas mesmas condicións”, os requisitos en materia de seguridade “deberían ser os mesmos que eran perfectamente válidos ata o de agora”.

A alcaldesa, a través dos servizos técnicos do Concello, xa solicitou á Xunta “que na maior brevidade posible” se leven a cabo as xestións necesarias para a renovación dos convenios para o uso da sala da Casa da Torre, onde se alberga a exposición de Sargadelos, así como a cesión da praza da Torre e da parcela O Carballo das Cen Pólas e finca anexa A Garonda en Reboreda, tal e como se indicou en ocasións anteriores.

Rivas afirma que o Concello está “na mellor das disposicións para asinar este acordo polo que estamos a agardar desde hai anos”. A rexedora redondelá confía en que desde a entidade dependente da Xunta se confirme tamén canto antes esa boa disposición para facer o acordo oficial “tal como se comprometeu o director da Axencia de Turismo de Galicia na súa visita a Redondela”.

Publicacións Relacionadas