Inaugurarase o luns 5 de outubro ás 10 horas na Casa da Cultura.
O alcalde, acompañado polas concelleiras Ana Peña e María Jesús Fontán, destaca que “dar visibilidade ás mulleres que abriron camiño é tamén contribuír a construír unha sociedade con máis oportunidades e igualdade”.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, presentou xunto ás concelleiras Ana Peña e María Jesús Fontán a chegada ao municipio da exposición itinerante “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa cultural, educativa e social da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) que poderá coñecerse na Casa da Cultura de Portas.
A inauguración oficial da mostra terá lugar o vindeiro luns 5 de outubro, ás 10:00 horas, incorporando Portas ao percorrido deste proxecto por distintos concellos da provincia vinculados ao Camiño de Santiago.
Ricardo Martínez salientou durante a presentación “a importancia de que Portas acolla iniciativas que axuden a divulgar referentes femininos próximos e a recoñecer o traballo de mulleres que, desde ámbitos moi diferentes, contribuíron a avanzar como sociedade”.
“Dar visibilidade ás mulleres que abriron camiño é tamén contribuír a construír unha sociedade con máis oportunidades e igualdade. Desde o Concello queremos apoiar este tipo de propostas porque, ademais, permiten que a mensaxe chegue directamente á cidadanía e, especialmente, ás novas xeracións”, manifestou o alcalde.
A exposición utiliza como fío condutor as traxectorias das mulleres, colectivos e entidades recoñecidas nas distintas edicións dos Premios Mulleres FEMUPO entre os anos 2022 e 2026, dando a coñecer historias vinculadas a ámbitos como a cultura, o deporte, a empresa, a administración pública ou o asociacionismo.
A mostra está integrada por sete paneis. O primeiro introduce e contextualiza o proxecto, outros cinco recollen as diferentes edicións dos Premios Mulleres FEMUPO e o último incorpora códigos QR que permiten acceder a vídeos e outros contidos dixitais, ampliando así a experiencia expositiva.
Martínez incidiu en que “os referentes son fundamentais porque permiten demostrar, con exemplos reais e próximos, que non existen ámbitos reservados nin límites que deban asumirse de antemán”. Neste sentido, considerou especialmente positivo “achegar estas historias ao ámbito local e facer que unha exposición destas características percorra tamén os concellos e o rural”.
O proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” combina a exposición itinerante con talleres e actividades participativas relacionadas coa igualdade, os referentes femininos, a corresponsabilidade, os hábitos responsables e o coidado do territorio.
Entre as propostas complementarias figura “As mulleres que fan o noso Camiño”, unha actividade destinada a identificar mulleres referentes da contorna máis próxima e poñer de manifesto que moitas das persoas que contribúen a transformar a sociedade se atopan tamén nas familias, asociacións e comunidades locais.
A chegada da mostra a Portas supón unha nova parada dun proxecto que percorre distintos concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, empregando os valores do Camiño de Santiago como fío condutor para transmitir unha mensaxe de igualdade, visibilidade e recoñecemento.
O alcalde de Portas destacou finalmente que “desde as administracións locais tamén temos a responsabilidade de facilitar espazos para a sensibilización, a educación e a igualdade real, facendo visibles exemplos que poidan servir de estímulo para as xeracións que veñen detrás”.
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.

