O vindeiro sábado 7 de xuño, o monte Xesteiras converterase no epicentro da memoria histórica da nosa comarca coa celebración do roteiro Coto. Esta iniciativa busca revivir a dura experiencia de Manuel Coto Chan, un veciño da Estrada, natural de Cuntis, que se viu obrigado a fuxir e vivir na clandestinidade no monte Xesteiras a partir do golpe de estado de 1936. Coto Chan, natural da parroquia de Couselo, plasmou a súa dura historia no caderno “Memorias dun proscrito”, un testemuño imprescindible sobre a supervivencia e a resistencia nun dos períodos máis escuros da nosa historia recente.
A xornada, que promete ser unha profunda inmersión na memoria democrática, arrancará ás 10:00 horas da mañá dende a antiga Casa Escola de Couselo, en Cuntis. Dende alí, os participantes emprenderán unha ruta que os levará polos lugares clave na vida de Coto Chan como fuxido. Un dos puntos máis significativos será a coñecida como “Pedra de Coto”*, un refuxio natural onde se protexía das partidas facciosas que o perseguían. Durante o percorrido, faranse paradas estratéxicas na casa que lle deu acubillo e noutros puntos de interese directamente relacionados coas súas memorias, permitindo aos asistentes conectar coa crúa realidade que viviu.
O monte Xesteiras, testemuña silenciosa de moitas destas historias, adquire así un papel protagonista. Este espazo natural, coñecido hoxe polas súas paisaxes e sendeiros, foi para moitos, coma Manuel Coto, un lugar de supervivencia e resistencia fronte á represión. O roteiro ofrecerá a oportunidade de coñecer non só a historia persoal de Coto Chan, senón tamén a realidade social e política da época en Galiza.
Ao finalizar o percorrido, os asistentes recibirán un exemplar do libro “Memorias dun proscrito”, unha obra fundamental para entender a represión franquista dende a perspectiva dos que a sufriron. A presentación do libro e o peche da xornada contarán coa intervención dos seus coautores: Marcos Borrageros, Adrián Coto (bisneto de Manuel Coto Chan) e David Otero. Eles achegarán máis detalles sobre a vida de Manuel Coto, o proceso de recompilación das súas memorias e o contexto histórico da época.
Esta iniciativa, organizada pola asociación cultural “Vagalumes” conta coa colaboración da veciñanza de Couselo, busca non só honrar a memoria de Manuel Coto Chan, senón tamén manter viva a lembranza de todas as persoas represaliadas e promover o coñecemento dun período fundamental para comprender a nosa identidade como pobo.
Anímase a toda a cidadanía a participar neste roteiro para coñecer de primeira man unha parte da nosa historia que non debe ser esquecida. Recoméndase levar calzado e roupa axeitada para a camiñada.