HomePontevedraSalceda leva a pleno o orzamento máis alto da súa historia

Salceda leva a pleno o orzamento máis alto da súa historia

- Anuncio -spot_img

As contas alcanzan os 7,5 millóns de euros centrados no social e no medio ambiente.

O Concello de Salceda de Caselas debatirá en pleno o orzamento, logo dun intenso traballo por parte do departamento de Intervención e tras as diversas negociacións cos diferentes grupos que apoiaron a investidura.

Trátase dun orzamento que destaca no eido social, aumentando a partida adicada a Benestar Social ata 1.432.587,61€, aumentando un 30% respecto dos anteriores orzamentos. A subida máis importante nas contas a asume o Servizo de Atención ao Fogar, cunha partida de 734.259,36€, un aumento do 27%, ademais da creación de novos servizos como a Aula XXI, os campamentos gratuítos, a colaboración coa Aula Senior A Revolta ou o Servizo de Atención Psicolóxica APAXAR.

A subida tamén se reflexa no apoio aos colectivos sociais co aumento das subvencións nominativas. Así, os Entroidos da Feira e do Castro Barreiro contarán cunha subida de 1.000€ cada un. Tamén no eido deportivo o Club Baloncesto Caselas e o Club Balonmán Caselas recibirán un aumento de 1.000€ na subvención nominativa debido ao gran aumento no número de fichas federadas que xestionan, e incluímos un novo colectivo, o Club Bádminton Caselas tamén cunha aportación municipal de 1.000€ que recibirán por primeira vez.

Outra subida importante reflíctese no cadro de persoal. O capítulo 1 do orzamento rexistra un aumento do 30%, pasando de 1.925.802,79€ a 2.492.303, 49€, coa inclusión de novos postos como o da Técnica de Medioambiente e Ordenación do Territorio ou a vindeira Oferta de Emprego Público coa dotación de prazas vacantes como a de Técnica de Admnistración Xeral ou a Conserxería do Pavillón Municipal, co obxectivo da mellora na prestación dos servizos públicos que se ofrecen á veciñanza.

O orzamento inclúe outro dos grandes aumentos no capítulo de investimentos reais, que alcanza o millón e medio de euros de inversións, co saneamento de Entenza como protagonista con 875.000€. A terceira fase de reforma da Praza de Abastos (130.000€), o cambio de céspede no Penedo Redondo (240.000€), a adquisición do solar na Devesa (82.000€)  e a mellora da pavimentación na contorna do IES Pedras Rubias (60.000€) son outros dos principais investimentos.

Tamén se reserva unha partida para a reforma do Parque Infantil Raíña Aragonta dotada con máis de 50.000€, e a redacción dos proxectos de rehabilitación do edificio da antiga Cámara Agraria e da nova rúa entre a rúa Brasil e a Praza do Concello.

O Concello de Salceda inclúe tamén no orzamento unha partida para desenvolver o Proxecto Estela, na procura de aumentar o espazo cardioprotexido, dotando a todas as parroquias dun desfibrilador, realizando ademais formacións e asesoramento.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Con estes documentos damos resposta  ao compromiso de elaborar e aprobar uns novos orzamentos logo das distintas negociacións co PSdeG-PSOE e co BNG. Trátanse duns orzamentos que pensan nas persoas, adicado ao benestar social, aos nosos nenos e nenas e tendo en conta o eido deportivo e cultural, sen esquecernos das nosas persoas maiores, dotando dos recursos necesarios para ofrecer un servizo de calidade.”

Publicacións Relacionadas