Home Pontevedra Salceda mantén a tradición dos Ranchos

Salceda mantén a tradición dos Ranchos

- Anuncio -

Máis de 70 participantes amosaron os seus cantos e danzas no VII Encontro de Ranchos e Danzas  Tradicionais 

As rúas e prazas de Salceda enchéronse de música, danza e sobre todo moita alegría e moita  cor o pasado sábado 28 de decembro coa celebración do VII Encontro de Ranchos e Danzas  Tradicionais organizado conxuntamente pola Asociación Cultural A Feira e o Concello de Salceda de  Caselas. Un total de seis agrupacións participaron no evento, chegadas dende moi diferentes puntos  da xeografía da península: o Rancho de Reis do Casco Vello de Vigo, o Entroido de Cobres (Vilaboa),  o Grupo de danzas de Hoyocasero (Ávila), o canto de reis do grupo O Serán (Salceda), e a anfitriona,  a Asociación Cultural A Feira, que presentou o seu rancho de Reis, rancho de Entroido, e o ranchiño,  que acolle aos nenos e nenas que se preparan para formar parte dentro duns anos dos ranchos de  Reis e Entroido. 

Por sétimo ano celébrase esta xuntanza no Concello de Salceda de Caselas, converténdose  xa nun evento de referencia no que se amosa esta tradición típica do sur da provincia de Pontevedra,  e que se complementa sempre coa participación de agrupacións de diferentes zonas da península.  Este ano a xornada comezou xa pola mañá, con unha ruta musical pola hostalería do casco urbano  a cargo dos grupos que pola tarde participaron na xuntanza. Deste xeito o encontro establécese xa  como un dos imprescindibles dentro do circuíto de xuntanzas de ranchos.  

Os ranchos de Reis e de Entroido de Salceda permaneceron desaparecidos durante décadas,  ata que a laboura de diferentes colectivos fixo que se fosen recuperando. Xa nos anos 80 houbo un  primeiro intento de recuperación do rancho de Reis por parte do Centro Cultural de Castro Barreiro,  pero en menos de unha década volveu deixar de celebrarse. Posteriormente, no ano 2000, foi o  Grupo O Serán o que recuperou esta tradición, prolongando a súa celebración ata o ano 2018, ano  en que colle a testemuña a Asociación Cultural A Feira, que recupera tanto o rancho de Reis como  o rancho de Entroido, mantendo a súa supervivencia ata o día de hoxe. 

A Alcaldesa, Loli Castiñeira, recibiu aos diferentes grupos acompañada do equipo de  goberno, en resposta á súa participación neste evento tradicional. Así mesmo quixo agradecer á  Asociación Cultural A Feira o traballo a prol da recuperación dos ranchos de Salceda, continuando o  traballo comezado por Castro Barreiro e polo Grupo O Serán, que agora se consolida co traballo que  se está a realizar dende o barrio da Feira.  

O Rancho de Reis de Salceda é diferente de tódolos demais, e único pola súa formación. Na  súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen  resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador,  e obsequiarao cunha ribeirá que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan  roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que  loce a dama, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación  económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen  lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre  acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor  das xoias empregadas. 

O Rancho de Entroido ten unha formación diferente aínda que un funcionamento  semellante. Neste caso son seis danzantes e dúas damas, cunha estrutura igual que a do rancho de  Reis, co que comparte ademais a mesma música, que no caso do rancho de Reis vai acompañada de gaita e caixa, e no caso do rancho de Entroido introduce ademais o bombo, necesario por que os  ranchos de Entroido de Castro barreiro e A Feira enfrontábanse danzando ao mesmo tempo, polo  que era fundamental incrementar a percusión para que cada un dos grupos puidese manter o ritmo. 

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “seguiremos traballando por recuperar e poñer en  valor o noso patrimonio inmaterial, preservando a nosa cultura, e unindo esforzos na defensa do  que nos identifica e diferencia”.

Relacionadas

O BNG pide inspeccións e unha ordenanza que regule o avance descontrolado dos pisos...

0
A fronte nacionalista esixe que o Goberno local actúe dunha vez para frear esta “ameaza ultraespeculativa”, un dos principais obstáculos para acceder a unha...

A Deputación abre a partir deste mércores o período voluntario de pago de taxas...

0
O ORAL encargarase da xestión e recadación dun total de 60 conceptos de taxas de 30 concellos da provincia, que se poderán pagar en...

A Deputación converte a creación contemporánea e a reivindicación de figuras e iniciativas culturais...

0
Rafa Domínguez: “A programación está marcada pola recuperación da Bienal, un acontecemento moi importante desde o punto de vista artístico, cultural e turístico” Xunto á...

A Deputación presenta ante centos de persoas en Moraña e A Lama os programas...

0
O deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reuniuse co movemento asociativo e veciñal de Moraña e A Lama para dar a coñecer as...

Charla informativa sobre acollemento familiar no Centro Cultural Municipal do Porriño

0
• Será este xoves, 6 de febreiro, ás 18.00 horas Estás pensando en acoller pero non tes claro como facelo? Non sabes en que consiste...

A corporación municipal aproba por unanimidade instar á Xunta de Galicia a convocar a...

0
• Tamén saíron adiante outras mocións relativas ao cauce do río Bispo, a construción dun módulo para embarcacións de remo e outra da celebración...

Publicacións Relacionadas