O Concello de Salceda de Caselas vén de asinar os convenios cos 32 colectivos que contan con subvención nominativa nos Orzamentos Municipais, por un importe total de 126.751,40€.
As axudas repártense entre entidades de diferentes ámbitos:
- 18 asociacións culturais: 35.800€
- 6 clubs deportivos: 65.051,40€
- 2 entidades de benestar social: 18.000€
- 3 centros de ensino: 4.600€
- 1 asociación de comerciantes: 900€
- 1 agrupación de voluntarios/as de Protección Civil: 1.500€
- 1 asociación ecoloxista: 900€
O Concello contribúe deste xeito co asociacionismo nos seus diferentes ámbitos. Así, no eido cultural subvenciónanse os diferentes centros culturais das parroquias (900€), os dous coros existentes no municipio (700€), o entroido centenario de Castro Barreiro e A Feira (1600€), as asociacións veciñais (400€) ou a Asociación de Amigos/as da Música que engloba a escola de música e as diferentes bandas (infantil, xuvenil e cultural), e que neste caso recibe a maior axuda no eido cultural por importe de 22.000€.
No caso do deporte subvenciónase ao Caselas FC (18.000€), ás Escolas Deportivas de Salceda (22.551,40€), á Escola Deportiva Denis Suárez (15.000€), aos clubs de balonmán e baloncesto Caselas (4.550€), e ao Club Ciclista Aragonta (400€).
Os centros de ensino público reciben tamén axuda do Concello para a realización das súas actividades complementarias, e que neste caso son o CRA Raíña Aragonta (1.000€), o CEP Altamira (1.200€) e o IES Pedras Rubias (2.400€).
Ademais hai outras entidades con subvención nominativa do Concello como a asociación de Persoas Xubiladas (3.000€), AFAGA (15.000€), ACISA (900€) ACDE Treze Catorze (900€) e a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (1.500€).
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda de Caselas: “temos o privilexio de contar con unha sociedade activa da que nos sentimos moi orgullosas e que contribúe a que Salceda teña unha programación rica e variada ao longo de todo o ano. Este ano puxemos en marcha a plataforma Salceda Móvese que contribúe na difusión de todas estas actividades, e que está a ser un éxito”.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Facenda: “O asociacionismo do noso Concello é un valor importante para este goberno polo que todo esforzo económico neste eido está máis que xustificado. Os nosos colectivos saben que, ademais destas axudas, a colaboración é en tódolos eidos e ao longo de todo ano para levar a cabo as súas actividades”.