COMUNICADO URXENTE:
En relación a sentenza xudicial sobre as irregularidades do concerto de Guns N’ Roses
Após teña trascendido que foi ditada sentenza no Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Vigo, en relación á reclamación da promotora do concerto de Guns N’ Roses xestionado de maneira irregular polo Goberno municipal de Abel Caballero.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois de poder analizar en detalle o contido das 25 páxinas da resolución xudicial, realizará en ROLDA DE PRENSA, mañá VENRES 31 de xaneiro ás 10:30h na Sala de Prensa do Concello, unha valoración das consecuencias legais, administrativas e políticas que se derivan deste fallo xudicial.
Para alén do contido detallado desa comparecencia, o portavoz municipal do BNG considera “da máxima gravidade que un xulgado veña de constatar as graves irregularidades na xestión do concerto de Guns N’ Roses e que condene ao Concello a pagar máis de un millón e medio de euros, de diñeiro de todas as viguesas e vigueses, á promotora privada do mesmo como consecuencia da acción ilegal e irresponsábel do Goberno municipal”.