Os orzamentos do 2024 do Concello de Soutomaior entraron hoxe en vigor. Por primeira vez en lustros Soutomaior conta con dispoñibilidade económica no primeiro mes do ano.
Dende o Goberno Local anunciaron nesta xornada que trala publicación no BOP (Boletín Oficial da Provincia) das contas municipais hoxe xa entraron en vigor os orzamentos para este 2024 do concello de Soutomaior.
Unas cifras importantes para o municipio en moitos eidos, un dos máis destacados, o capítulo de investimentos onde sumando o orzamento propio e o do Plan Concellos, Soutomaior conta con preto de un millón de euros para investimentos neste 2024. Isto, segundo anunciou esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, trae consigo “dinamismo en actividades de todo tipo, con estes número conseguiremos tamén levar a cabo obras de transformación urbana”. Deste xeito Soutomaior abre un novo tempo cun novo modelo urbano máis accesible, creando mobilidade, con proxectos de transformación dos seus núcleos rurais creando núcleos de centralidade…
Trátase, segundo Lourenzo, dun orzamento que “non deixa a ninguén atrás, que pensa nos máis desfavorecidos e contempla actuacións para a conciliación da vida familiar e laboral e que incrementa en dúas mil horas o Servizo de Atención ao Fogar (SAF)”.
Con estas contas aprobadas, por primeira en lustros, Soutomaior ten dispoñibilidade económica no primeiro mes do ano, ao contrario do que se viña facendo ata a actualidade. E tal e como indicou nesta xornada Manu Lourenzo, “estes orzamentos permitirán sacar adiante proxectos con axilidade e traballando dende o minuto un para que a veciñanza de Soutomaior poda beneficiase destas actuacións”.

