- No pleno de hoxe todos os grupos presentes da corporación (BNG,PSOE e PP) acordaron a necesidade de que a Xunta asumise o custe da obra na maior brevidade posible.
Dende o Goberno Local de Soutomaior xa iniciaron o contacto con algúns dos propietarios afectados para axilizar o proceso de negociación para a adquisición dos terreos para a nova depuradora. Tal e como dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “para o concello é un esforzo moi importante asumir, por unha banda, o impacto dunha depuradora que dará servizo a catro concellos, con notable importancia en todo o territorio. Asumimos este reto cun compromiso co medio ambiente, coa nosa ría, cos nosos bancos marisqueiros”.
No pleno de hoxe todos os grupos presentes da corporación (BNG,PSOE e PP) acordaron a necesidade de que a Xunta asumise o custe da obra na maior brevidade posible. Neste senso o alcalde preguntou ao Partido Popular ao respecto do acordo con Augas de Galicia ao que á voceira do PP de Soutomaior respostou que o acordo era que unha vez que o concello puxese os terreos a disposicións, a Xunta executaría a obra civil. Neste senso o alcalde Manu Lourenzo destacou que se trata dun investimento fundamental para o futuro de Soutomaior “no que todas e todos debemos velar polos intereses da nosa ría, dos nosos bancos marisqueiros e da nosa veciñanza. Ademais vivimos na Rede Natura, unha paisaxe que ademais de ser unha xoia en termos medioambientais é un dos motores económicos da comarca, polo tanto ninguén entende que máis dunha década despois non se teña avanzado nesta infraestrutura”.
O alcalde sinalou que é unha depuradora que transcende con moito as necesitades do concello de Soutomaior “é unha ledicia ver que hai unanimidade en toda a corporación a respecto dos pasos a seguir para que a nosa contorna poida ter canto antes unha ría produtiva, limpa e saneada”.