Soutomaior duplica o convenio coa Banda Artística de Arcade

adminON
Lectura mínima de 3

O concello de Soutomaior inicia o proceso da sinatura do convenio coa Banda Artística de Arcade mediante o cal, o Goberno Local, fará unha achega de 40 mil euros para o financiamento desta Banda.

O Goberno Local de Soutomaior e Banda de Música Artística de Arcade inician o proceso de sinatura do convenio anual. Un convenio de 40 mil euros que duplica a achega do anterior goberno, e que ten como obxectivo axudar ao financiamento da Banda Artística de Arcade e garantir a permanencia da Escola de Música que leva moitos anos ensinando as habilitades musicais, a comprender e interpretar a música, e a tocar un instrumento musical ás cativas e cativos do concello.

A Banda Artística de Arcade, a terceira máis antiga de Galiza, cumpre neste 2024 156 anos, ao longo da súa historia pasou por momentos difíciles, por este motivo dende o Goberno de Soutomaior queren, con este convenio,  facilitar a xestión e o día a día da Banda.

Mediante este convenio se pacta coa Banda levar a cabo 6 actuacións para o concello de Soutomaior. De igual xeito a Banda e o concello se comprometen ademais a colaborar en calquera outra cuestión que non se contemple no convenio para mellorar a vida social e cultural do concello.

COLABORACIÓN CON ASOCIACIÓNS E COMISIÓNS DE FESTAS

No convenio tamén se contempla unha partida de 5000 euros para que as diferentes asociacións e comisións de festas do concello teñan unha axuda á hora de contratar a Banda Artística e, desta maneira, calquera asociación que formalice esta petición terá ao seu dispor 500 euros para contribuír a que a Banda Artística teña presenza nas diferentes festas e eventos sociais do concello.

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior,  lembrou esta mañá que “a Banda Artística de Arcade é un orgullo para Soutomaior xa que despois de 156 anos continúa a levar o nome de Arcade por todos os concellos da contorna, pero ademais faino cunha calidade e excelencia musical que nos sitúa como unha das mellores bandas do país”. Lourenzo ten claro que “é obriga de calquera administración contribuír a que estas Bandas sigan existindo e medrando xa que educaron musicalmente a xeracións e xeracións de veciños dende hai máis dun século”. 

Comparte este artigo