O Goberno de Soutomaior conseguiu unha subvención de 7.500 euros que lle permite incorporar este servizo, que compartirá con Pazos de Borbén.
O Concello de Soutomaior conta desde hoxe cunha educadora familiar no seu Centro de Benestar Integral, que se suma aos Servizos Sociais e ao Centro de Información da Muller (CIM) de Soutomaior para axudar as persoas vulnerables ou en risco de exclusión social co fin prestarlles apoio emocional e intervir na comunidade, ampliando así as accións municipais enfocadas ao benestar social.
Esta incorporación é posible grazas a que o Goberno de Soutomaior fixo uso dunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 7.500 euros á que o anterior equipo de Goberno renunciaba cada ano de maneira sistemática. A educadora familiar tamén desempeñará funcións no Concello de Pazos de Borbén, despois de que o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o de Pazos de Borbén, Luciano Otero, asinasen un convenio de colaboración.
Ademais dos fondos obtidos coas senllas subvencións conseguidas polos concellos, Soutomaior e Pazos de Borbén tamén investirán fondos municipais para que os veciños e as veciñas poidan ter acceso a este servizo tan necesario. Soutomaior achegará un 60%, mentres que Pazos de Borbén farase cargo do 40% restante. Estas porcentaxes estipúlanse pola prestación de servizos que a educadora familiar dará en cada concello, xa que estará tres días á semana en Soutomaior e dous días á semana en Pazos. Así, os veciños e as veciñas de Soutomaior terán acceso ao servizo da educadora familiar no Centro de Benestar Integral os luns, martes e xoves de 9:00 a 14:00 horas.
A concelleira de Benestar Social, Rosana Boullosa, sinalou que coa incorporación da educadora familiar, o Centro de Benestar Integral de Soutomaior da un novo salto á hora de atender aos veciños e veciñas usuarias. Trátase dunha atención mellorada, que incorpora novos servizos que levaban moitos anos sen prestarse en Soutomaior xa que o anterior equipo de Goberno decidía renunciar ano tras ano de maneira sistemática a esta subvención que o actual Goberno de Soutomaior vén de conseguir”.
Pola súa parte, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu o traballo do equipo de goberno e das traballadoras municipais para a consecución da subvención que fai posible a contratación da educadora familiar. “No que vai de ano Soutomaior conseguiu xa máis de 1,1 millón de euros en subvencións. Con estes fondos, o Goberno de Soutomaior está levando a cabo numerosas obras e actuacións que melloran a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, algo do que o Goberno se sente moi orgulloso”, concluíu Manu Lourenzo.

