Soutomaior pasa a formar parte da Rede de Oficinas de Turismo ‘Info Ríasbaixas’

adminON
Lectura mínima de 3

O noso concello terá acceso a partir de agora a axudas para a contratación de persoal e máis recursos para a promoción do potencial turístico de Soutomaior, entre outros beneficios.

Soutomaior vén de recibir a confirmación da súa entrada na Rede de Oficinas de Turismo ‘Info Ríasbaixas’. A adhesión prodúcese despois dun investimento de 3.500 euros por parte do Goberno de Soutomaior na Oficina de Turismo e na contorna, co obxectivo de mellorar tanto a accesibilidade como a sinalización.

A entrada de Soutomaior na Rede de Oficinas de Turismo ‘Info Ríasbaixas’ suporá numerosos beneficios para o noso concello. Entre eles destacan o acceso a axudas para a contratación de persoal e a máis recursos para a promoción do potencial turístico de Soutomaior. Ademais, Soutomaior tamén terá acceso a datos máis completos sobre o fluxo turístico nas Rías Baixas, o que permitirá desenvolver campañas e actuacións turísticas moito máis enfocadas e cun maior impacto na economía local do noso concello.

A concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, sinalou que “é moi positivo para Soutomaior e a nosa veciñanza pasar a formar parte desta rede, da que xa forman parte unha trintena de oficinas e puntos de información. Na estratexia do Goberno de Soutomaior para mellorar a promoción turística, este era un paso fundamental que agora xa é unha realidade. Seguimos traballando para que o turismo reverta economicamente no noso comercio local”, engadiu a concelleira.

Dentro da estratexia turística a longo prazo do Goberno de Soutomaior, a concelleira destacou que xa desde o ano pasado se veñen adoptan medidas beneficiosas para a veciñanza, como a de trasladar a Oficina de Turismo ao barrio da Feira, na entrada do Camiño de Santiago portugués no noso concello. “Os datos de atención turística do pasado verán referendan que foi unha decisión acertada. Temos claro que este é o camiño e seguiremos traballando nesta liña porque é beneficiosa para a nosa veciñanza e para a economía do noso concello”, concluíu a concelleira de Turismo.

Comparte este artigo