Mais dunha trintena de empresas participan no proxecto de Experiencias no Camiño de Santiago. Unha iniciativa que se postula como o inicio dunha andadura de colaboración entre o sector público e o sector privado do Concello de Soutomaior.
Co obxectivo de promover o desenvolvemento local e potenciar o turismo en Soutomaior, desenvolveuse este primeiro proxecto de colaboración entre as empresas do sector turístico e comercial de Soutomaior. Este proxecto procura iniciar a consolidación de Soutomaior como un destino atractivo tanto para visitantes en xeral como para os peregrinos do Camiño de Santiago en particular, fomentando a economía local e mellorando a calidade dos servizos dispoñibles.
O proxecto, liderado desde a Concellaría de Turismo, contou coa participación de 34 empresas turísticas e comerciais. Esta iniciativa implica a creación dunha rede colaborativa e o establecemento de sinerxías entre aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades, comercios e outros servizos locais, co fin de ofrecer aos turistas unha experiencia completa e auténtica que resalte o mellor da cultura, historia e tradición do territorio. O fin último e incrementar a estancia media do peregrino e aumentar a súa fidelización. O crecente número de peregrinos que percorren Soutomaior a través do Camiño Portugués pola Costa constitúe unha oportunidade para o concello de aumentar a pegada económica por turismo mediante unha alianza coas empresas do concello.
Entre as principais accións do proxecto inclúense a promoción conxunta dos servizos turísticos participantes así como a creación de experiencias completas dirixidas aos peregrinos do Camiño de Santiago. Así mesmo, realizáronse traballos de apoio aos emprendedores locais para mellorar a competitividade do sector e fomentáronse as sinerxías mediante asistencias técnicas individuais e xornadas colectivas.
“Este proxecto é un primeiro paso fundamental para transformar Soutomaior nun referente turístico. A colaboración entre empresas locais permitirá ofrecer unha experiencia única a quen nos visite, ao tempo que dinamizamos a nosa economía.”, trasladan desde a concellaría de turismo.
A concelleira de turismo, Silvia Cernadas, destacou que este tipo de proxectos son esenciais para a revitalización de vilas pequenas, que habitualmente afrontan desafíos relacionados coa visibilidade e competitividade dentro do mercado turístico global, e son a semente para dar continuidade a máis accións de planificación turística en consonancia coas necesidades e iniciativas do sector. Ao que a concelleira engadiu que “dende o Goberno estamos comprometidos en maximizar os efectos positivos do Camiño de Santiago e tratar de que repercutan nas empresas locais, do comercio e turísticas do concello”.

