Este ano Soutomaior vai a recuperar o seu Entruido máis tradicional , grazas ao traballo de investigación realizado polo antropólogo Rafa Quintía, con actividades dende o 3 ao 13 de febreiro.
O Entruido chegará con moitas novidades e actividades neste 2024 en Soutomaior. Para comezar, dende o 20 ao 28 de xaneio terán lugar 3 obradoiros vencellados con esta época do ano.
Os días 20 e 27 de xaneiro terá lugar o Obradoiro de preparación de comparsa municipal, o sábado 20 as máscaras serán as protagonistas do obradoiro de “ganchillo” para o Entruido e o domingo 28 o obradoiro protagonista será de máscaras de Entruido. Xa se poden realizar as inscricións en liña a través do seguinte enlace: https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/inscricions-menu/inscricions-en-lina
O día 3 de febreiro a axenda virá marcada polo Concurso de Comparsas que comezará ás 17:30 dende a Rúa do Calvario. Inscrición no Rexistro na sede electrónica. Prazo de inscrición desde martes 16 xaneiro ás 09.00 h ata o mércores 25 de xaneiro ás 14:00h. O desfile rematará en Talo Río onde terá lugar a lectura do pregón a cargo do membro máis novo e o máis maior da comparsa municipal. A partir das 19:30 procederase á entrega de premios e a verbena coa Discomóbil Dolcevita.
O domingo 4 de febreiro ás 12:00 terá lugar unha sesión vermú, na Alameda de Talo Río, acompañada por un inchable infantil e espazo gastronómico con polvo e adegas locais.
O venres 9 de febreiro terá lugar o tradicional pasarrúas do alumnado do CEIP M. Padín Truiteiro dende o centro ata Talo Río, nunha xornada onde estas pequenas e pequenos contarán coa sorpresa dunha actuación musical.
A través do pormenorizado estudo realizado Rafa Quintía, este antropólogo obtivo moitos datos de interese vencellados co rito de Entruido do que forman parte correr o Entruido, a corrida e desfile do galo, os bailes ou fiadas do martes de Entruido, os ritos satíricos e burlescos con mecos e os ritos comensalidade. Tendo en conta estes datos históricos, o sábado 10 de febreiro Soutomaior vai a CORRER O ENTRUIDO, para isto toda a veciñanza está convidada a esta correr polos diferentes barrios de Soutomaior. Dende o concello animan á xente a formar comitivas de enmascarados e enmascaradas para percorrer os barrios facendo balbordo, bromas, cantando, bailando e facendo os ritos de cuestación ou petitorios (pedir algo de comer e beber para repoñer forzas). A vestimenta que se recomenda para esta xornada son disfraces e máscaras farrapeiras improvisadas feitas con cousas que se teña pola casa (roupas e chapeus vellos, roupas con atributos a oficios, a cara tapada con trapos con buratos, caroutas de cartón ou máscaras feitas de tapetes de ganchillo co fin de manter o anonimato …).
Ás 20:30 desa xornada, desde sábado 10 de febreiro, terá lugar a merenda- cea gastronómica na Casa do Pobo do Val do Sobral seguida dunha verbena.
Xa o domingo 11 de febreiro, o Galo (adaptado aos tempos actuais, será unha personaxe, non será un animal real en ningunha das súas recreación neste Entruido) percorrerá en procesión os barrios de Soutomaior, para rematar toda a veciñanza que participe nunha comida comunal. Xa pola tarde, o carro do Galo chegará a Talo Río onde terá lugar tradicional corrida do Galo xon xogos para todas as idades e moitas sorpresas, ao remate as e os asistentes poderán desfrutar dunha actuación musical.
E como colofón final, o martes de Entruido chegará marcado pola fiada e os mecos satíricos. A fiada é un baile tradicional que se realiza á noitiña. Foliada amenizada con música e baile tradicional coa participación de gaitas, pandeiretas, bailadores/as,… Desafíos entre mozos e mozas e entre o resto de participantes da fiada.
Os mecos ou bonecos de palla e de versos satíricos sobre o acontecido durante o ano para deixalos uns barrios a outros recreando os ritos burlescos de confrontación. Os mecos deben deixarse o martes de Entruido para que queden no barrio veciño todo o ano, sendo máis efectiva a burla xa que o Mércores de cinza comeza a Semana Santa e remata o Entruido imposibilitando que os barrios de devolvan as bromas pois a festa xa rematou ata o seguinte ano. Unha cita que terá lugar dende ás 20:30 ata ás 00:00 dese martes de Entruido.
A promoción do comercio local tamén estará presente neste Entruido con actividades que se presentarán nos vindeiros días.

