A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, mantivo onte unha reunión con asociacións veciñais e culturais de Soutomaior para impulsar Bibliofogar, un proxecto que fai máis accesibles os fondos da biblioteca ás persoas e aos barrios que o necesiten e o demanden.
Bibliofogar é un servizo de extensión bibliotecaria que presta a biblioteca municipal “Luís Seoane” de Soutomaior desde o ano 2021. O obxectivo é achegar a lectura a todas as persoas censadas no concello e facilitar o acceso aos recursos da biblioteca reducindo as barreiras físicas e de mobilidade, xa sexan por idade, por impedimento físico ou por mala comunicación e falta de medios para desprazarse.
O servizo préstase cunha furgoneta equipada con ordenador, acceso a Internet, mobiliario e material da biblioteca. Por un lado, faise o desprazamento aos domicilios das persoas que teñan algunha barreira física ou xeográfica que lles dificulte acudir á biblioteca de xeito presencial; e, por outro lado, tamén se fai o desprazamento a centros de maiores e locais veciñais, onde son varias as persoas que se benefician a un tempo deste proxecto de achegamento da cultura.
“O servizo duplicou o número de libros prestados no ano 2023 con respecto a 2022, pero queremos seguir ampliando o medio centenar de persoas usuarias e levalo a máis barrios do concello”, indicou Silvia Cernadas. “Sobre todo en relación á parroquia de Soutomaior, onde a poboación está moito máis dispersa e onde hai un gran número de maiores”.
Actualmente, ademais de acudir aos fogares das persoas que o solicitan, tamén se presta servizo nos centros de día “Soutomaiores”, “Boas Apertas” e o Centro Cultural Val-Sobral. Neste sentido, é moi importante o traballo previo que fan Mar, a encargada de Bibliofogar, e Patricia, a bibliotecaria, analizando os libros que poden ser de interese para as persoas usuarias do servizo e recollendo as necesidades de cada unha destas persoas.
Na reunión de onte tamén participaron a bibliotecaria, Patricia Rodríguez, e a responsable de Bibliofogar, Mar García, quenes explicaron o servizo, mentres que Salvador Álvarez, do Centro Cultural Val-Sobral, falou da súa experiencia e dos beneficios do proxecto no barrio.

