Esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, a técnica de Igualdade, Marga Taboada e a directora do CIM, Cristina García, presentaron “Abrindo costuras”, a campaña do 8M que neste 2024 está centrada na historia das Mulleres costureiras do concello. Ademais dentro das actividades que se organizan en torno a esta data, destaca, entre outras moitas, o concerto de Caamaño&Ameixieiras o 8 de marzo ás 20:00, unha cita que será de balde ata completar o aforo no Centro de Benestar Integrado (Multiusos).
O Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller pon en marcha a campaña municipal “ABRINDO COSTURAS” 8M, para visibilizar o Día Internacional da Muller 8M.
Con esta campaña preténdese visibilizar a historia das Mulleres costureiras, a súa aportación a vida laboral, ó mundo dos coidados , a creación de redes de sororidade entre mulleres e a nutrición das redes comunitarias.
Tal e como dixo esta mañá a directora do CIM na presentación “durante anos as mulleres se afastaron da costura por simbolizar a sumisión e o confinamento ao fogar, que simboliza a agulla e o fío, mais nestes tempos onde toca abrir costuras e deconstruir o patriarcado, coser amósase non só como un saber útil que proporciona autonomía, senón tamén como un espazo de resiliencia ante o consumo desaforado, e un poder transformador para ganduxar feminismo e sustentabilidade”.
PROGRAMACIÓN
Baixo esta temática a programación que se inclúe neste 8M de Soutomaior é moi ampla e diversa. Comeza a actividade o día 6 de marzo coa 1ª convocatoria do Consello Feminista Municipal, recentemente aprobado no pleno da corporación. Nesta mesa xornada pola tarde, terá lugar o obradoiro “Fiando a nosa historia feminista” da artista téxtil mexicana Maritza Berttolini.
O xoves 7 de marzo terá lugar a proxección do documental “María a das mil flores” popularmente coñecida en Soutomaior como María “a Coxa” unha peza audiovisual, de Raquel Fernández e de Coral Piñeiro, que ilustra quen foi María, a importancia do seu legado, vencellado con este legado o Concello de Soutomaior crea o Recoñecemento María a das Mil Flores co obxectivo de dar luz ás mulleres da vila que son referentes para o desenvolvemento do tecido comunitario desde diferentes ámbitos da súa vida. Este recoñecemento leva o nome de María á das Mil Flores por ser un referente icónico para a veciñanza do concello que representou valores clave da axenda feminista actual como a necesidade de xerar comunidade e unha rede coidados mutuos.
Trala presentación do documental chegará a quenda do faladoiro “abrindo costuras” dirixido por Cristina García, directora-psicóloga do CIM e no que estarán tres veciñas de Soutomaior vencelladas co mundo da costura no concello que son María Josefa Martínez Portela, Pilar Viceiro Filgueira e María Benita Pardal Barreiro. Unha cita que tamén contará coa actuación do músico tradicional Marcelo Dobode.
O Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, terá lugar a colocación da placa conmemorativa na Avenida Xosé Solla de Arcade. Unha placa realizada pola artista local Paula Pereira. Xa pola tarde dese 8M terá lugar unha das citas máis destacadas da programación co directo de Caamaño&Ameixeiras no Centro de Benestar Integrado (Multiusos) ás 20:00 h. Unha cita que será de balde ata completa o aforo.
O xoves 14 a programación continuará co obradoiro de “Upcycling glamour to quilt” impartido por A Canalla. As inscricións serán on line tanto para este obradoiro como para o de “Fiando a nosa historia feminista” .
O xoves 21 d marzo pecharase a programación do 8M coa proxección de FÍOS FORA de Illa Bufarda ás 19:00 no Multisuso con posterior faladoiro de “ Retos feministas da costura na actualidade” que contará coa presencia de Adriana P.Villanueva, co-directora do documental, Adanegra textil (presentación do proxecto ASAIA filosofal, La Canalla (textil e moda artesanía de galicia) e FENTO (Plataforma de divulgación a moda sostible galega).

