Esta mañá tivo lugar o acto conmemorativo onde se descubriu a placa en honra a María “ a das mil flores” no edificio onde antigamente tiña María a súa casa. Un evento que non se quixeron perder numerosas veciñas e amigas de María “A Coxa”, así a coñecían popularmente no concello.
Esta mañá o concello de Soutomaior rendeulle homenaxe a María “a das mil flores” popularmente coñecida como María “A Coxa”. Unha veciña que nos deixou no ano 1989 pero que todo o mundo a lembra como unha muller comprometida, alegre, que sempre teceu comunidade en torno a súa casa, unha muller que rompeu estereotipos na súa época.
“Moito lle tería gustado esta homenaxe a ela” dicían as amigas e veciñas que hoxe estiveron neste acto. Unha muller popularmente coñecida no pobo.
A casa de María recibía o nome da “Casa das Mil Flores” porque tiña moitísimas flores e era moi colorida e alegre coma ela.
Unha placa que foi realizada pola artista local Paula Pereira e nela podemos ler “aquí viviu María, costureira e ilustre veciña de Arcade, que con fío e alegría uniu a veciñanza da vila en torno á Casa das Mil Flores”.
María, ademais de todo o anteriormente dito, tamén cosía na súa casa, lembramos que as mulleres costureiras, a súa aportación a vida laboral, ó mundo dos coidados, a creación de redes de sororidade entre mulleres e a nutrición das redes comunitarias son os fíos condutores do 8M en Soutomaior.
Hoxe, Día Internacional da Muller, a xornada rematará cunha das citas máis destacadas da programación, co directo de Caamaño&Ameixeiras no Centro de Benestar Integrado (Multiusos) ás 20:00 h. Unha cita que será de balde ata completa o aforo.
O xoves 14 a programación continuará co obradoiro de “Upcycling glamour to quilt” impartido por A Canalla.
E para finalizar, o xoves 21 d marzo pecharase a programación do 8M coa proxección de FÍOS FORA de Illa Bufarda ás 19:00 no Multisuso con posterior faladoiro de “ Retos feministas da costura na actualidade” que contará coa presencia de Adriana P.Villanueva, co-directora do documental, Adanegra textil (presentación do proxecto ASAIA filosofal, La Canalla (textil e moda artesanía de galicia) e FENTO (Plataforma de divulgación a moda sostible galega).
Na pasada noite o Centro de Benestar Integrado viviu unha xornada chea de encanto coa proxección do documental “María a das mil flores” unha peza audiovisual, de Raquel Fernández e de Coral Piñeiro, que ilustra quen foi María, a importancia do seu legado, vencellado con este legado o Concello de Soutomaior crea o Recoñecemento María a das Mil Flores.
A continuación, Marcelo Dobode, Begoña Garrido e Olalla Lomba foron os encargados de poñerlle o toque musical a esa cita. Un toque emotivo e sentido que animou ao público a cantar, entre outras, “Costureiriña bonita”.
E para finalizar tivo lugar o faladoiro “abrindo costuras” dirixido por Cristina García, directora-psicóloga do CIM e no que estiveron tres veciñas de Soutomaior vencelladas co mundo da costura no concello: María Josefa Martínez Portela, Pilar Viceiro Filgueira e María Benita Pardal Barreiro que nos achegaron en primeira persoa o pasado, o presente e o futuro da súa querida e preciada costura.

