Soutomaior xa desfruta da súa programación para vivir o Nadal no concello

adminON
Lectura mínima de 5

O concello inaugurou na pasada noite o seu Nadal para Vivir en Soutomaior. Co concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, o acendido das luces, karaoke para a cativada e moitas máis actividades que encheron de luz e cor a Alameda de Talo Río.

Un Nadal para Vivir en Soutomaior, ese é o lema co que este ano unha das épocas máis máxicas do ano chega ao concello.

A pasada tarde noite foi máxica, unha tarde que comezou co mercado das ANPAS do IES Soutomaior, do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do CEIP de Ponte Sampaio, os cartos recadados neste mercado son para axudar a estas alumnas e alumnos na súa excursión de fin de curso. E ás 17:30h. chegou a quenda do directo de Uxía Lambona e a Banda Molona que foi quen de poñer a mover o esquelete a pequenos, medianos e maiores. Pero foi ás 18:30h. cando chegou o momento máis agardado por todas e todos, o momento do acendido do alumeado. O alcalde, Manu Lourenzo, a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, acompañaron aos protagonistas deste momento tan agardado, foi a Asociación En Positivo, Asociación de Persoas con Diversidade Funcional, e foi a nosa veciña Laura Boullosa a encargada de prender a luz do Nadal do concello,  un momento único e máxico que deu o inicio de maneira oficial a estas festas en Soutomaior.

Tralo acendido do alumeado o directo de Uxía Lambona e a Banda Molona a diversión continuou en Talo Río co karaoke para a cativada, onde a rapazada puido amosar en riba do escenario as súas dotes artísticas, e ao mesmo tempo as e os asistentes puideron degustar e desfrutar da chocolatada de balde para todas e todos os que o desexaron.

Un Nadal para vivir en Soutomaior, un Nadal para vivir con actividades para todo o mundo, un Nadal para vivir a inclusividade, a conciliación, a igualdade, un Nadal para vivir no Comercio e na Hostalería, un nadal para que vivan todas as veciñas e veciños do concello e para que o desfruten tamén todo aquel que desexe visitar este concello  ten preparadas para estes días.

MERCADO DE 2ªMAN

Dende o concello convidan a todo o mundo a VIVIR O NADAL EN SOUTOMAIOR. Cada vez son máis as persoas que optan por reutilizar produtos e xerar hábitos de consumo máis sostibles no marco dunha economía circular que beneficie ao planeta e ás persoas.

Son moitos os obxectos que poden ter unha segunda e, mesmo, unha terceira vida e así reutilizar, renovar ou reciclar os produtos ampliando a súa vía útil o maior tempo posible.

En Soutomaior promoven neste Nadal un Mercado de 2ª man, veciñal e solidario, que se levará a cabo o venres 20 de decembro na carpa de Nadal instalada en Talo Río en horario de 17:30h – 22:00h.

Ademais, de tratarse dunha iniciativa que incide no respecto e coidado polo medio ambiente, tamén é unha acción solidaria onde compartir o que xa non usamos ou non queremos con outras persoas.  Haberá un punto de recollida de alimentos non perecedoiros destinados ás persoas máis vulnerables.

Dende o concello convidan á veciñanza a participar nesta iniciativa dirixida a particulares maiores de idade, que queiran vender ou intercambiar obxectos en bo estado agás artículos inapropiados como armas ou outros que se consideren perigosos ou inapropiados.

O número de postos será limitado e as prazas cubriranse por orde de inscrición, unha inscrición que se abrirá mañá luns 9 de decembro. Consultar as Bases de participación en www.soutomaior.gal  

As persoas que queiran participar deberán presentar na sede electrónica: https://soutomaior.sedelectronica.es/info.0

 O prazo de presentación de solicitudes rematará o xoves 12 de decembro de 2024. Máis información na Casa do Concello ou no teléfono: 986705106

Un Nadal para o desfrute de todas as persoas que se desenvolverá ata o 6 de xaneiro. Podedes informarvos de toda a programación deste Nadal en: https://www.soutomaior.gal/wp-content/uploads/2024/11/programacion-NADAL-24-25-OP.pdf

Comparte este artigo