Debido á entrada dunha fronte, a programación de mañá, sábado 24 de agosto, desenvolverase finalmente no Multiusos de Arcade. O domingo 25 seguirá todo segundo o previsto coas actuacións e obradoiros na Carballeira do Peirao de Arcade.
Soutomaior, 23 de agosto. A segunda edición do Punkativada xa quenta motores. Este festival para a xente miúda, celebrarase esta fin de semana, os días 24 e 25 de agosto. Dende o Goberno Local anunciaron esta mañá unha novidade que é que a celebración do Punkativada mañá, sábado 24 de agosto, debido á entrada dunha fronte, terá lugar no Multiusos de Arcade, e o domingo 25 de agosto celebrarase tal e como estaba previsto, na Carballeira do Peirao.
O PUNKATIVADA trátase dunha cita para toda a rapazada do concello e do conxunto da comarca no que tanto os máis pequenos e pequenas como pais e nais poderán desfrutar de concertos infantís, espectáculos e contacontos, obradoiros e moito máis.
Dende o concello de Soutomaior convidan a todas as familias a vir a desfrutar deste festival para xente miúda. Un festival con ocio e entretemento para toda a familia.
O evento comezará, nesta segunda edición, o sábado 24 de agosto (xornada que se desenvolverá ao completo no Multiusos de Arcade) ás 11:00h. co obradoiro creativo “Punki” onde as e os peques poderán deseñar looks punkis combinando materiais con imperdibles que servirán para unir, completar e suxeitar prendas co fin elaborar unha indumentaria efémera (vestidos, camisas, faldas…) para o festival. A continuación ás 12:00 h. terá lugar o concerto de ‘As Tareixas’ de Redondela, ás 13:00 h. chegará a quenda do directo de ‘Silforiña’ de Golfiños, unha viaxe en barco, onde poderás mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica.
Xa pola tarde, a actividade comezarán, tamén no Multiusos, ás 17:00h co espectáculo Cirkompacto de Hellbrother. De 18:15 h. a 20:45h. os xogos de ‘paporrubio’ chegarán con pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. A xornada do sábado despedirase co concerto Singular de Píscore ás 21:00 h. un orixinal espectáculo que mestura virtuosismo e ritmos musicais coa comedia xestual e o clown. O resultado? Diversión garantida para toda a familia.
O domingo Punkativada retomará a súa programación xa na Carballeira do Peirao. Unha xornada que comezará ás 11:00 h. co obradoiro creativo de `Palabras encadenadas’ unha cita onde se van a encadear palabras para que non se perdan creando unha peza artística con elas e así de xeito lúdico non perder o vocabulario que non usemos. A continuación chegará un dos platos fortes desta edición co concerto da Gramola Gominola ás 13:00h. Unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Xa pola tarde, terá lugar un fin de festa por todo o alto co espectáculo ás 17:00 h. de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas.

