O alumnado regresou este luns ás aulas con instalacións renovadas, máis sostibles e confortables
Tomiño volve ao cole con instalacións renovadas. O Concello investiu máis de 110.000 euros na mellora, reforma e mantemento dos centros de Infantil e Primaria do municipio, uns traballos realizados durante o verán para garantir que as aulas estivesen listas e en perfecto estado ao inicio do curso escolar este luns.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o investimento en educación é sempre un investimento no futuro. Queremos que o noso alumnado poida aprender en espazos seguros, modernos e sostibles, porque sabemos que unhas boas condicións nas aulas repercuten directamente no benestar e no rendemento das nenas e nenos”.
As obras, coordinadas pola concelleira de Educación, Cristina Martínez, e o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, responderon ás necesidades trasladadas polas direccións dos colexios cun obxectivo claro: avanzar cara a unhas instalacións máis modernas, sostibles e confortables para todo o alumnado e equipo docente.
Un dos proxectos máis destacados foi a instalación de paneis fotovoltaicos no CEP Pedro Caselles Beltrán e no CEIP de Barrantes, financiados parcialmente con fondos FEDER a través do INEGA. Pola súa parte, no CEP Pedro Caselles tamén se levaron a cabo tarefas de pintado e colocación de nova tarima nas aulas e colocáronse novas estruturas de madeira para iluminación, mentres que no CEIP de Barrantes realizáronse melloras de carpintaría no comedor e nas aulas, así como tamén se pintaron aulas e corredores.
No CEIP de Sobrada traballouse para mellorar o peche exterior posterior e o portal, así como a accesibilidade entre o patio e o pavillón, mentres que no CEIP de Tebra incorporouse novo mobiliario na biblioteca e en infantil. Pola súa banda, no CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián procedeuse ao pintado das instalacións e á colocación de novas tarimas nas aulas.
Tamén destaca a intervención na Galiña Azul de Tomiño, onde se mellorou a madeira do patio exterior e adquiriuse novo mobiliario para a biblioteca e a sala de berces. Xa na Galiña Azul de Goián pintouse e mellorouse o pavimento de todo o centro educativo.
Outro dos investimentos salientables foi nas escolas unitarias do CRA Mestre Manuel Garcés, nas que se realizaron melloras de pintura, carpintaría e cerraxería nos diferentes centros. Ademais, en todos os centros revisáronse as instalacións de electricidade, fontanaría e carpintaría e acometeuse a limpeza e desbroce de patios, hortas e areeiros.
Con este esforzo económico e de xestión, Tomiño reafirma o seu compromiso coa comunidade educativa e co desenvolvemento dun municipio que aposta pola calidade de vida e pola sustentabilidade tamén no ámbito escolar.