HomePontevedraBaixo MiñoTomiño móllase polos ríos

Tomiño móllase polos ríos

- Anuncio -spot_img

O Concello participa na limpeza simultánea impulsada pola asociación Adega este domingo 21 de setembro. As persoas interesadas poden inscribirse xa na web

Tomiño implícase un ano máis na limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Este domingo 21 de setembro o municipio participará na décimo oitava edición da iniciativa “Móllate polos ríos”, unha xornada levada a cabo ao abeiro do Proxecto Ríos a través da que persoas voluntarias colaborarán na retirada de lixo ao tempo que se visibiliza esta realidade e se conciencia á sociedade sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais para garantir a súa saúde.

A xornada, aberta a todas as idades (menores acompañados dunha persoa adulta), comezará ás 10.30 horas na Praza do Seixo, diante da Casa do Concello, desde onde partirán os grupos de voluntariado para colaborar na limpeza e retirada de refugallos dos cursos fluviais do municipio. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse na web do Concello.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, subliñou a importancia de volver implicarse un ano máis nesta cita, “unha iniciativa que vai moito máis alá da retirada de lixo dos ríos. Trátase de xerar conciencia, de visibilizar un problema que nos afecta a todos e todas e de demostrar que co compromiso da veciñanza podemos contribuír a mellorar a saúde dos nosos ecosistemas fluviais”.

Recoméndase levar roupa cómoda, luvas, paus ou pinchos e, no caso de querer acceder ao interior do cauce, botas de auga. Para garantir a seguridade e o respecto polo ecosistema, ADEGA pon á disposición das persoas participantes un Protocolo de Limpeza de Ríos, accesible tamén na súa web.

A iniciativa, que cada ano mobiliza a milleiros de voluntarios en toda Galicia e retira decenas de toneladas de residuos, pretende ademais ser unha ferramenta de educación ambiental, fomentando a participación cidadá e a responsabilidade compartida sobre o patrimonio natural.

Publicacións Relacionadas