Tui apela á acción colectiva este 25N baixo o lema “Sé parte da solución”

Redacción

O acto institucional incluirá a lectura do manifesto, unha proposta escénica de Iria Sobrado e alumnado do Conservatorio de Música, e a actuación da cantautora Sheila Patricia

O Concello de Tui conmemorará mañá, mércores 25 de novembro, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha chamada á implicación colectiva baixo o lema “Sé parte da solución”. A campaña deste ano pon o foco nas novas formas de violencia machista, especialmente no ámbito dixital, e na necesidade de que toda a sociedade as identifique, as cuestione e actúe fronte a elas.
A programación combina reivindicación institucional, expresión artística e música, co obxectivo de promover a reflexión e reforzar o compromiso colectivo na construción dunha sociedade libre de violencia e desigualdade.
A xornada comezará ás 18.00 horas na Praza da Inmaculada, cun círculo de luz organizado pola Asociación Feminista Berra. Acenderase unha candea por cada muller asasinada pola violencia machista no que vai de ano e gardarase un minuto de silencio na súa memoria, nun acto de lembranza e homenaxe ás vítimas.
Ás 19.00 horas, no edificio da Praza da Inmaculada, terá lugar o acto institucional, que contará coa cantautora galega Sheila Patricia e unha proposta artística de Iria Sobrado «Corazón», acompañada musicalmente por alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui. Trátase dunha acción performativa que aborda a violencia machista e as súas consecuencias físicas e psicolóxicas nas mulleres, desde a humillación e o maltrato ata a separación dos seus fillos e fillas baixo unha aparente cobertura de legalidade. A través da expresión escénica, a proposta reivindica a forza, a resistencia e a capacidade das mulleres para enfrontarse ás distintas manifestacións da violencia.
O acto incluirá tamén a lectura do manifesto institucional, no que o Concello de Tui renovará o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e coa erradicación de todas as formas de violencia machista. Un compromiso que require non só a actuación das institucións, senón tamén a implicación de toda a cidadanía.
A programación do 25N continuará os días 26 e 27 de novembro, ás 19.00 horas, no Edificio Sociocultural da rúa Camilo José Cela, con dúas propostas cinematográficas organizadas en colaboración co Cineclub. O xoves 26 proxectarase o documental No estás sola, mentres que o venres 27 será a quenda da película La buena hija.

Comparte este artigo