Co cambio a led deixaranse de emitir 51,46 toneladas de CO2
O Concello de Tui vai proceder ao cambio das luminarias dos accesos á cidade pasando do actual sistema de lámpadas de vapor de sodio por luminarias con tecnoloxía led co que se mellorará a eficiencia enerxética, se deixarán de emitir máis de 51 toneladas de C02, e se aforrarán máis de 17 mil euros ao ano.
Deste xeito o Concello de Tui amosa o seu compromiso co medio ambiente e coa loita contra o cambio climático. Esta actuación suporá un investimento de 61.417, 18 €, financiados con fondos propios con cargo á partida correspondente dos Orzamentos de 2024. O cambio das luminarias será realizado por persoal municipal do Servizo de Electricidade do Concello de Tui.
En concreto serán substituídas 238 luminarias. Deste total 139 están situadas na N-550 no tramo comprendido dende a coñecida coma Ponte de Magnolia, en Rebordáns, até a rotonda que da acceso á autovía A55 en Alvelos, Guillarei. Outras 83 luminarias e 4 proxectores serán cambiados na Po-304 dende a Sombraboa, ao final da rúa Colón, até Matelo, Randufe no cruzamento con Malvas. Outras 30 luminarias están situadas en pleno centro urbano nas rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas.
O cambio a tecnoloxía led das actuais lámpadas de vapor de sodio conlevará un aforro drástico de 144.000 kWh/ano e o que na parte económica supoñerá 17.200 € menos anualmente. A todo isto hai que sumar o aforro derivado da vida útil das lámpadas, xa que as de vapor de sodio tiñan unha duración de 12 mil horas, e as de led, que van ser instaladas, funcionan entre 50 mil e 100 mil horas. O cambio de tecnoloxía permitirá tamén deixar de emitir 51,46 toneladas de CO2 á atmosfera.
Con esta acción o Concello de Tui reitera o seu compromiso na loita contra o cambio climático coma membro do PACES – Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible
En concreto o Pacto dos Alcaldes ou Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible é un compromiso que pretende achegar os obxectivos enerxéticos marcados por Europa aos municipios de todos os países europeos, comprometéndose a actuar para alcanzar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 40% os gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030, así como promover a adopción de medidas conxuntas para a atenuación do cambio climático e a adaptación a este.