Mañá venres, 24 de outubro, celébrase o Día da Biblioteca. A Biblioteca Municipal de Tui festexará esta data con diversas actividades que difunden o papel de biblioteca na comunidade local.
Así hoxe xoves, 23 de outubro, varios grupos de alumnado de Educación Primaria do Colexio Santa María de Tui visitarán a Biblioteca Municipal para coñecer as súas instalacións e servizos, para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario. Na mesma xornada, persoal da biblioteca tudense visitará ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria do mesmo centro educativo para informar sobre a oferta de lectura, información e coñecemento que ofrece a biblioteca tudense.
Xa no propio Día da Biblioteca, mañá venres 24 de outubro, ás 17.30 h celebrarase esta efeméride cun contacontos a cargo da escritora e poeta Lucia Aldao titulado “A vez que vivín nun conto”. Esta actividade está dirixida aos nenos de seis anos de idade en diante.
Sinala a propia Lucia Aldao: Alguén dixo que ler é vivir dúas veces, e canta razón tiña! Vivir mil veces, engadiría! Pero afastemos a metáfora e tiremos, desta vez, pola literalidade: xúrovos que eu, que fun nena lectora e habitei mil fantasías a través de páxinas e páxinas, unha vez vivín nun libro. Ou sexa, que estiven dentro dunha historia que antes lera eu na biblioteca. É certo, eh! Teño probas! Queres que cho conte?
Lucía Aldao é unha poeta e música da Coruña que leva máis de media vida recitando nos escenarios máis variados. Poesía escénica, música, humor e animación cultural son as súas principais ocupacións profesionais. É autora dos libros “Todo isto antes era noite” (Apiario, 2018) e “Ninguén morreu de ler poesía” (Xerais, 2020), asinado por Aldaolado. Lidera a banda PAVA, coa que obtivo recentemente o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de pop/indie.
Esta actividade terá lugar na propia Biblioteca Municipal ás 17.30 horas e forma parte do programa “Ler conta moito” que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade da Xunta de Galicia.
Ao longo da xornada do venres a Biblioteca ofrece aos usuarios que se acheguen ata a mesma diversos libros de agasallo para todas as idades.
Dende 1997 celébrase esta conmemoración do “Día da Biblioteca” impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, as bibliotecas nas súas diversas modalidades e titularidades.
O lema deste ano, “Contra a desinformación: bibliotecas“, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación. As bibliotecas combaten este fenómeno, cada vez máis estendido, da desinformación non só a través dos seus recursos, como as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos, senón tamén a través dun uso adecuado das novas tecnoloxías. E, por encima de todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como curador de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas. O cartel conmemorativo deste ano 2025 está a cargo da ilustradora Laura Wächter.