Deixaranse de emitir máis de 51 toneladas de C02 a atmosfera. Esta actuación supón un investimento de 61.500€ de fondos propios.
O Servizo de Electricidade do Concello de Tui comezou a semana pasada a realizar o cambio das luminarias nas farolas nos accesos á cidade dende Rebordáns e Randufe, así coma nas rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas no centro urbano.
Dentro da aposta pola mellora da eficiencia enerxética, a loita contra o cambio climático e a protección do medio ambiente o Concello de Tui vai substituír un total de 238 lámpadas de vapor de sodio por luminarias de tecnoloxía led. Deste xeito deixaranse de emitir máis de 51,46 toneladas de C02 a atmosfera e aforraranse 144.000 kWh/ano.
Esta actuación suporá un investimento de 61.417,18 €, financiados con fondos propios con cargo á partida correspondente dos Orzamentos de 2024. O cambio de luminarias conlevará un aforro de 17.200 euros ao ano en gasto de electricidade ao que se sumará a maior vida útil das lámpadas led, entre 50 mil e 100 mil horas, fronte as 12 mil horas das lámpadas de vapor de sodio.
Do total de 238 luminarias que están a ser cambiadas 139 están situadas na N-550 no tramo comprendido dende a coñecida coma Ponte de Magnolia, en Rebordáns, até a rotonda que da acceso á autovía A55 en Alvelos, Guillarei. Outras 83 luminarias e 4 proxectores corresponden á Po-304 dende a Sombraboa, ao final da rúa Colón, até Matelo, Randufe no cruzamento con Malvas. Por último no centro urbano serán substituídas 30 luminarias rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas.
Cómpre lembrar que o Concello de Tui é membro do PACES – Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible polo que se comprometeu a actuar para alcanzar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 40% os gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030, así como promover a adopción de medidas conxuntas para a atenuación do cambio climático e a adaptación a este.