– O Concello de Redondela prepara para o 31 de outubro un amplo programa de actividades de balde para todos os públicos con obradoiros de cabazas, maquillaxes terroríficas, un túnel do terror e o pasarrúas “Subumbra” de Troula Animación.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que será unha xornada de festa con actividades para a infancia, mocidade e adultos. A programación repártese en tres localizacións: os Multiúsos de Chapela e Redondela, o paseo do Pexegueiro e un espectáculo itinerante polo centro da vila.
Redondela celebra o sábado 31 de outubro, véspera de Defuntos, a festa do Samaín. A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, foron as encargadas de presentar a programación no paseo do Pexegueiro, xunto ao IES Mendiño, onde comezará o túnel do terror. Rivas explicou que a programación organizada polo Concello “está pensada para todos os públicos e haberá actividades en diferentes localizacións como o Multiúsos de Chapela, o Multiúsos da Xunqueira, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro da vila”. Ademais, todas as actividades son de balde.
Os máis pequenos poderán gozar tanto en Redondela como en Chapela dos obradoiros “Fai a túa cabaza” e “Maquillaxe e tatuaxes de terror”. Os talleres serán nos Multiúsos da Xunqueira e o do Piñeiral do Crego de 17:00 a 20:00 horas. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, explica que nenos e nenas “poderán deixar voar a súa imaxinación e crear as súas propias cabazas de Samaín para levar a casa como un recordo desta noite tan especial”. Nos talleres de maquillaxe transformarse coa axuda de maquilladores expertos, que lles darán trucos e técnicas para un resultado “aterrador”.
O paseo do río Pexegueiro volverá transformarse nun Túnel do Terror desde as 18:30 até as 21:30 horas. Os máis atrevidos poderán experimentar un mundo de misterio, suspense “e moitos sustos”. Haberá sorpresas ao longo da ruta con personaxes e criaturas misteriosas. A organización advirte que é unha experiencia “intensa” para público a partir dos 12 anos. No caso de menores deben ir acompañados dun adulto. Aconséllase acudir cunha lanterna.
As rúas do centro da vila transformaranse nun gran escenario para acoller o espectáculo itinerante “Subumbra”, da recoñecida compañía Troula Animación. Criaturas e personaxes saídos da máis profunda escuridade dos tempos desfilarán pola vila nun formato visual impactante. A pirotecnia, a música e a maxia do pasarrúas farán vivir ao público sensacións “terroríficas”. A asombrosa comitiva partirá da Praza de Ribadavia ás 19:30 horas.
Haberá na programación do Samaín unha sesión de “Contos da veciñanza” na Biblioteca Xela Arias de Chapela deseñada especialmente para esta celebración. Será o xoves 29 de outubro ás 18.30 horas da man de Noela e o Trío Laredo (Celeste, Sofía e Will).
Como incentivo especial para dinamizar o comercio da vila, baixo a iniciativa “Vive o Samaín”, os establecementos comerciais convidarán a caramelos ás crianzas, por cortesía do Concello de Redondela.

