FORMARÁN PARTE DAS ACTIVIDADES MÁIS LÚDICAS DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 5 AO 8 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal celebrará a súa 47ª edición do 5 ao 8 xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), volverá contar no seu programa con interesantes actividades ecuestres.
En canto a cabalos de Pura Raza Árabe e organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA), celebrarase o XII Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C. Nel escolleranse o Mellor Puro Exipcia femia e macho, Mellor Puro Spanish femia e macho, Mellor Poldra, Poldro, Egua e Semental nado en Galicia e exemplar nado en Galicia coa máis alta puntuación. Así mesmo, recoñecerase a Mellor cabeza, Mellores movementos e Mellor presentador, amateur e profesional. O équido con maior puntuación será merecedor do Best in Show, mentres que o mellor entre os gañadores das distintas categorías será o Campión Absoluto.
Os cabalos de Pura Razas Galega protagonizarán tamén interesantes propostas ecuestres. Así, tras incorporarse ao programa desta raza o ano pasado, a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga), volverá realizarse unha rapa das bestas. Para iso, habilitarase un curro no que varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde se celebran rapas inmobilizarán unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crinas e as colas. De man desta asociación sumarase tamén o Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega, e, por primeira vez, un desfile de exemplares desta raza engalanados ao modo tradicional.
Así mesmo, entre estas propostas incluirase unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”. Actividade que será copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. De man desta última tamén se realizará o taller “Os coidados do poni”, o cal permitirá aos máis pequenos cepillar, trenzar ou pasea á corda a ponis de razas shetland e mini shetland.
O show de Paco Martos
Tras o gran éxito do ano pasado, o programa ecuestre de Abanca Semana Verde de Galicia acolle de novo o Paco Martos Horse Show. Un espectáculo único no mundo no que participarán unha vintena de animais entre os que se incluirán cabalos e ponis, ademais de aguias e cans checoslovacos, os cales interactuarán coa manda e co ser humano realizando magníficos exercicios en completa liberdade e deixando que mostren a beleza da súa natureza.
Será un show baseado no absoluto respecto cara aos animais e no vínculo e a vontade do animal de colaborar co seu condutor, Paco Martos, a través da comunicación e a complicidade. Incluirá varios números moi dinámicos de doma en liberdade que combinarán a doma de alta escola con exercicios tan arriscados como a posta húngara, na que Paco Martos subirá a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo (protexido) de cada un deles.
Este asombroso show poñerá o broche final ao programa de actividades da 47ª edición da feira Abanca Semana Verde de Galicia 2025.

