A Comisión de Obras, Mobilidade e Servizos aceptou esta mañá as achegas presentadas polos grupos poíticos municipais á nova Ordenanza de xestión de residuos. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera explicou que a norma continúa a súa tramitación solicitando informes a outros departamentos como a Asesoría xurídica ou a Intervención municipais. Correxirase coas achegas que consideren oportunas estes servizos, para despois pasar a aprobación do Pleno.
César Mosquera explicou que a importancia deste texto é que Pontevedra será a primeira cidade que ten unha ordenanza destas características, e que recolle todas as suxestións no seu proceso de elaboración e aprobación.
Ademais, tamén informou da normalidade no asfaltado do resalte da ponte da autoestrada en Domingo Fontán, que rematou ás 13.00 horas e reiterou que se trata dunha lousa da propia ponte cuxa reparación tiña que ser asumida por Audasa.
Por outro lado, tamén anunciou que mañá, a primeira hora, comezará a colocación dos sinais das Zonas de baixas emisións en 14 puntos distintos da cidade. César Mosquera reiterou que se trata dunha obriga legal que « non cambia en nada o réxime actual ».

