Unha década soando os Ecos do Verán

adminON
Lectura mínima de 2

Ecos do Folón celebra este sábado 29 o seu concerto coral estival acompañado da Coral A Torre de Maside e Renfe de Monforte de Lemos

Será ás 20.30 h no auditorio municipal con entrada de balde

O Rosal quenta voces para acoller a décima edición do Concerto Coral Ecos do Verán, unha década na que o coro ‘Ecos do Folón’ aproveita a época estival para levar a música coral a todos os públicos. A actuación será este sábado 29 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde, un espectáculo no que o público poderá desfrutar da música da coral rosaleira acompañada pola Coral A Torre de Maside (Ourense) e a Coral Renfe de Monforte de Lemos (Lugo).

A Coral Polifónica ‘Ecos do Folón’ naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 3o voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.

O sábado sorprenderá ao público cun repertorio que incluirá ‘Ciranda da rosa vermelha’ de Alceu Valença con arranxos de Tom-K, ‘El peregrino’ de A. López García, ‘El vals de los quince años’ de Agustín Minotti con arranxos de Roberto Goldar, ‘Casiñas brancas’ do Grupo Lareira con arranxos de Jorge Fernández González e a popular ‘Eu caseime por un ano’, tamén con arranxos do mestre compositor Jorge Fernández.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela.

Comparte este artigo