HomePontevedraUnha trintena de mozas e mozos de IES Chapela fórmanse para mellorar...

Unha trintena de mozas e mozos de IES Chapela fórmanse para mellorar a convivencia escolar

- Anuncio -spot_img

– O auditorio da Xunqueira acolleu durante dous días as xornadas de formación de “Equipos de Axuda” do IES Chapela para mellorar a convivencia escolar. A alcaldesa, Digna Rivas, e a madriña do evento, a actriz Arantxa Treus, entregaron os diplomas aos alumnos e alumnas de ESO que se formaron na resolución pacífica de conflitos.

– O programa contou coa participación do prestixioso doutor en Psicoloxía José María Avilés, quen destacou que “a bondade e os coidados son a base dun benestar real”.Avilés, que traballou man a man co equipo de convivencia do centro, animou aos mozos e mozas a aplicar o aprendido porque “como nos relacionamos, importa”.

O Auditorio da Xunqueira acolleu durante dous días as xornadas formativas de convivencia do IES Chapela, unha iniciativa clave para a posta en marcha dos Equipos de Axuda do alumnado. Durante estas xornadas un grupo de 28 rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º da ESO formáronse para ser axentes activos na prevención do acoso e na mellora do clima escolar a través do apoio entre iguais.

O programa, creado e patentado por José María Avilés, doutor en Psicoloxía pola Universidade de Valladolid e referente internacional en convivencia escolar, contou coa súa participación directa. Avilés, que traballou man a man co equipo de convivencia do centro, instou aos mozos e mozas a aplicar o aprendido lembrando que “como nos relacionamos, importa”, poñendo o foco na empatía e nos coidados para construír unha sociedade máis xusta e un estado do benestar “real”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presidiu o acto de clausura e a entrega de diplomas, acompañada pola actriz e comediante Arantxa Treus, madriña desta edición, á que asistiron tamén os concelleiros de Ensino, Alberto Álvarez, e de Igualdade, Iria Vilaboa.

Rivas aproveitou o acto para felicitar ao equipo directivo e docente do IES Chapela por esta aposta pola mediación e o diálogo. “Grazas polo voso esforzo e o de todo o alumnado participante. Con iniciativas coma esta, estades axudando a construír unha convivencia e unha sociedade mellor para todos e todas”, sinalou a rexedora.

Os novos Equipos de Axuda terán agora a misión de actuar como mediadores e referentes dentro do instituto, facilitando a resolución de conflitos de xeito pacífico e fomentando un ambiente de respecto e seguridade nas aulas.

Publicacións Relacionadas