Xoán Reices: “A realidade é que van alá case cinco anos e o goberno municipal do PP non ten un plan para ese inmóbel, que se deteriora e é saqueado cada día, deixando un panorama na rúa desolador”
En marzo de 2024 o BNG da Estrada, a través do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de preguntas dirixidas ao Ministerio de Inclusión e Seguridade Social sobre a cesión do inmóbel do vello ambulatorio ao concello da Estrada.
A resposta do Ministerio, case un ano máis tarde, deixa clara “as poucas ganas do concello de facer algo con ese inmóbel, algo normal nun goberno do PP sen proxecto e sen ideas”. Segundo indicou o concelleiro nacionalista “o concello valora a opción de demoler o edificio do vello ambulatorio -así o indica a resposta do Ministerio- ou a compra, entendemos que para tiralo e facer algo –non se sabe o que- sobre ese solar, que pertence ao concello”.
“O problema”, afirma Reices, “é que parte dese inmóbel está ocupado polas oficinas da Seguridade Social, o que desde o noso punto de vista non limita as opcións de actuación dese inmóbel, agás, claro está, que a única opción para o goberno do PP pase pola demolición”. “Neste sentido”, explica o concelleiro do BNG, “o Ministerio ofrece como alternativa que o concello ofreza un espazo para acoller as oficinas da Seguridade Social, xa que informes do Ministerio descartan instalar estas no espazo do Instituto da Seguridade Social, tamén localizado na Estrada”.
Para o concelleiro do BNG queda clara a pouca vontade do goberno municipal para facer algo nese se espazo, “a proiori pode parecer que poñer enriba da mesa unha demolición do edificio pode formar parte dunha estratexia negociadora de máximos para sacar un mellor acordo, mais tamén semella que o alcalde, presionado pola veciñanza da Avenida de Santiago e polo BNG, expón unha estratexia negociadora de máximos porque en realidade non sabe que facer co edificio”.
“En todo caso”, explica Reices, “a realidade é que van alá case cinco anos e o goberno municipal do PP non ten un plan para ese inmóbel, que se deteriora e é saqueado cada día, deixando un panorama na rúa desolador”.
O concelleiro do BNG volve a insistir na alternativa do BNG, que pasaría por poñer un marcha un centro de día, que melloraría en espazo e localización o existente, e por un centro cívico, onde persoas maiores e mocidade convivisen nun espazo de intercambio xeracional, sementeira de creación artística e cultural, como alternativa a soidade e a falta de motivación da mocidade, mais tamén da xente maior”.