― O xerente José Flores, acompañado do director do 061 Román Gómez e do xefe da base da ambulancia medicalizada de Vilagarcía de Arousa, Andrés Campos, supervisaron a evolución das obras desta nova área no centro hospitalario arousán, que rematarán en próximas datas
― Cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 155.000 euros, a obra amplía espazos, adecúa separacións e corredores, crea 4 dormitorios e tamén habilita unha sala de reunións, vestiarios diferenciados por sexos, un novo almacén e unha nova estancia que independiza totalmente os desprazamentos do hospital ao mortuorio do resto das zonas de traballo
A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés disporá a partires do vindeiro mes de setembro no Hospital Público de O Salnés dunha nova base para a ambulancia medicalizada da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Así quedou patente hoxe no transcurso dunha visita técnica de supervisión de obras desta nova área no centro hospitalario arousán, efectuada polo xerente José Flores, quen estivo acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez e polo xefe da base da ambulancia medicalizada de Vilagarcía de Arousa, Andrés Campos, entre outros profesionais.
Os responsables sanitarios salientaron a rápida evolución deste proxecto arquitectónico, que contempla a reforma, modernización, accesibilidade, adaptación e adecuación da base da ambulancia medicalizada do Hospital do Salnés, que terá o seu emprazamento permanente na parte posterior deste centro sanitario público.
155.000 € de investimento da Xunta de Galicia
Cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 155.000 euros, a obra amplía espazos, adecúa separacións e corredores, crea 4 dormitorios e tamén habilita unha sala de reunións, vestiarios diferenciados por sexos, un novo almacén e unha nova estancia que independiza totalmente os desprazamentos do hospital ao mortuorio do resto das zonas de traballo.
Segundo quedou patente hoxe no centro hospitalario de Ande-Rubiáns, estas obras teñen previsión de rematar nas vindeiras datas, polo que a Administración Sanitaria Pública galega confirma a planificación xa programada do retorno da ambulancia medicalizada á súa base habitual no Hospital do Salnés a finais do presente mes de agosto, tras haber prestado servizo asistencial de soporte vital avanzado con base no centro de saúde de Baltar, no concello de Sanxenxo, polo aumento da poboación flotante na zona durante o verán.
Esa é unha medida habitual de carácter temporal, sustentada en estudos que a Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza periodicamente -datos de volume poboacional, de tipoloxías das demandas sanitarias, de frecuencia da actividade asistencial das ambulancias e de tempos de resposta, entre outros- co obxectivo de mellorar a calidade do servizo ao conxunto da poboación.
Cómpre lembrar que nos meses de xullo e agosto a cobertura sanitaria na bisbarra reforzouse cunha ambulancia asistencial de soporte vital básico con base na propia Vilagarcía de Arousa. Cunha dotación de dous técnicos en emerxencias sanitarias e dotada cun desfibrilador externo semiautomático, este recurso sanitario para a atención ás urxencias e ás emerxencias fóra do ámbito hospitalario prestará asistencia sanitaria ata final deste mes de agosto.
Incremento da cobertura en O Salnés
Desde 2019, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 incrementou a cobertura sanitaria na comarca de O Salnés, ampliando o período de prestación do servizo da ambulancia asistencial medicalizada de soporte vital avanzado con base no Salnés ata os 365 días, as 24 horas ao día. Dito reforzo na bisbarra ampliouse, tamén, coa incorporación dunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de enfermaría con base en Pontevedra.
Os traslados secundarios do Hospital do Salnés os asume o propio centro na súa meirande parte -agás os ictus e os códigos 1- o que significa que as ambulancias do 061 están máis tempo libres para atender as emerxencias extrahospitalarias.

