- A II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica celebrada no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, reuniu a máis de douscentos profesionais de distintas disciplinas cara a avanzar nun modelo integral no manexo da dor crónica, baseado na evidencia científica e na implicación das persoas que o padecen
- A xornada -inaugurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera e polo xerente da Área Sanitaria, José Flores- puxo o acento nas Unidades de Estratexias de Afrontamento Activo da Dor Crónica, un modelo asistencial innovador que representa un cambio de paradigma na atención á dor
A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés celebrou hoxe a II Xornada sobre Afrontamento Activo da Dor Crónica, centrada este ano nas cefaleas, baixo o lema “Unha ollada integral dende ou diagnóstico ao tratamento”, afrontando a migraña desde a neurociencia.
Este encontro, celebrado no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, reuniu a máis de douscentos profesionais de distintas disciplinas -neuroloxía, atención primaria, fisioterapia, farmacia e psicoloxía- co obxectivo de avanzar cara a un modelo integral e activo no manexo da dor crónica, baseado na evidencia científica e na implicación das persoas que o padecen.
A xornada -inaugurada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera e polo xerente da Área Sanitaria, José Flores- puxo o acento nas Unidades de Estratexias de Afrontamento Activo da Dor Crónica, un modelo asistencial innovador que representa un cambio de paradigma na atención á dor. Inspiradas na neurociencia, estas unidades promoven que o paciente asuma un papel protagonista no seu proceso de recuperación, fomentando o coñecemento, a autonomía e a autoxestión fronte á dor persistente.
Entender coma funciona a dor no cerebro
Durante a conferencia maxistral da II Xornada sobre Afrontamento Activo dá Dor Crónica, o doutor Iñaki Aguirrezabal Bazterrica, médico de familia e referente no eido do afrontamento activo da dor no Servizo Vasco de Saúde -Osakidetza- subliñou que “entender coma funciona a dor no cerebro cambia o xeito en que o afrontamos. O coñecemento, o movemento e a autoeficacia son ferramentas terapéuticas tan importantes coma os fármacos”.
Así mesmo, o doutor Aguirrezabal engadiu que este novo enfoque terapéutico está a amosar resultados moi positivos na calidade de vida dos pacientes, ao reducir a discapacidade asociada, mellorar a súa funcionalidade e fortalecer o sentido de control sobre o propio proceso de saúde.
As mesas redondas da II Xornada sobre Afrontamento Activo dá Dor Crónica abordaron de xeito integral as dimensións neurolóxica, emocional e funcional das cefaleas, combinando unha visión clínica coa experiencia de pacientes e as achegas de diferentes especialidades.
Os relatores das ponencias deste foro coincidiron en que as unidades activas supoñen un avance decisivo ao integrar educación terapéutica, exercicio físico, manexo psicolóxico e coordinación asistencial.
Tanto o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera coma o xerente da Área Sanitaria, José Flores subliñaron durante as súas intervencións no acto inaugural que esta xornada veu a representar un paso máis na consolidación do enfoque de afrontamiento activo da dor crónica, no que Pontevedra está plenamente implicada. “Tanto a Xunta de Galicia coma o propio Servizo Galego de Saúde apostan por un modelo que promove a autonomía, a humanización e os mellores resultados de saúde para os pacientes” sinalaron.
Formación innovación e humanización
Con esta iniciativa, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés reafirma o seu compromiso coa formación continuada, a innovación asistencial e a humanización no tratamento da dor, impulsando o traballo conxunto de profesionais e pacientes cara a unha maior calidade de vida.



